Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha campaña informativa sobre o Centro de...

Unha campaña informativa sobre o Centro de Información á Muller pecha as actividades organizadas arredor do 8M

A iluminación da Casa do Concello manterase ata o domingo pola noite, xunto coa exposición dos colectores de vidro dedicados a #MulleresConEco

Venres 12 de marzo do 2021 Carballo ao día

A Concellaría de Igualdade decidiu rematar as actividades conmemorativas do Día das Mulleres cunha campaña divulgativa sobre o Centro de Información á Muller (CIM), que constitúe un recurso específico fundamental para avanzar no camiño cara a igualdade. Ao longo desta semana realizouse nos centros de educación secundaria o reparto de material informativo, que tamén estará dispoñible nos vindeiros días en edificios públicos e outros establecementos.

O obxectivo da campaña é informar á poboación en xeral, pero dun xeito especial a adolescentes e mozos/as, sobre os recursos que teñen á súa disposición no CIM de maneira totalmente gratuíta e confidencial. Porque no Centro de Información á Muller, ademais de prestar unha atención especial a todos os aspectos relacionados coa violencia de xénero, acompañando e asesorando ás vítimas en todo o que precisen, dispoñemos dunha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada para atender e/ou informar en materias tan diversas coma adopcións, separacións ou divorcios, trámites de xustiza gratuíta, sentenzas... pero tamén toxicomanías ou emprego, xa que traballamos de maneira coordinada con outros servizos municipais coma a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) ou a Bolsa de Traballo (BDT).

Dende o CIM tamén se promoven iniciativas encamiñadas á conciliación, como o programa Concilia, que funciona durante o curso escolar, e actividades como as que vimos desenvolvendo nos últimos días. Se queres saber máis, achégate e pídenos un folleto ou ponte en contacto directamente co Centro de Información á Muller chamando aos teléfonos 981700688 ou 638123460 ou enviando un correo electrónico a cim@carballo.gal.

As actividades do Día das Mulleres rematarán o luns, co apagado da iluminación violeta da Casa do Concello e o traslado dos contedores dedicados a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal ás rúas dedicadas a estas tres mulleres que fixeron historia. Pero o traballo a prol da igualdade, no Concello de Carballo, continúa durante todo o ano. Contamos contigo!

Compartir: