Avanzan as obras de mellora da accesibilidade polos distintos barrios urbanos
Mañá está previsto materializar a solicitude da veciñanza da rúa Santa Eufemia para a implantación da dirección única
Martes 16 de marzo do 2021 Carballo ao día
Marcos Trigo e Evencio Ferrero, na rúa Río Miño
As obras encamiñadas a mellorar a accesibilidade avanzan, aproveitando a melloría do tempo, polos distintos barrios urbanos. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Marcos Trigo achegáronse ata a rúa Río Miño aproveitando a execución dos traballos que se están a desenvolver nese ámbito por parte da empresa Vázquez y Reino, cun orzamento de 153.065 euros.
O obxectivo é seguir actuando na mellora da mobilidade de toda a poboación, eliminando barreiras, sobre todo, nas rutas escolares, de aí que dentro deste mesmo proxecto xa se actuase nos camiños escolares do CEIP A Cristina, como xa se fixera previamente nas do CEIP Fogar e o CEIP Bergantiños. A intervención prevista na rúa Vázquez de Parga queda pendente polo momento, xa que se acometerá dentro do proxecto Cicl-Ando, que nos permitirá acondicionar case 18 quilómetros de carrís ciclo-peonís.
Nestes momentos está en fase de contratación un novo proxecto de mellora da accesibilidade nas seguintes rúas: Avenida da Cristina, Avenida Ponte da Pedra, Avenida de Bergantiños, Doutor Fleming, Moreiras, Gardenias, Vicente Risco, Avenida de Fisterra, Avenida da Milagrosa, Río Tambre, Río Xallas, Mahón e Río Sil. As obras consistirán, segundo os casos, na ampliación das beirarrúas, na creación de vaos de tres pendentes ou elevados, cun orzamento de 216.519 euros.
Dirección única na rúa Santa Eufemia
Dentro das actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade, tanto peonil coma rodada, tamén se está acometendo a reordenación do tráfico en determinados ámbitos urbanos. Despois do cambio de dirección vixente dende a semana pasada na rúa Estrela, mañá está previsto materializar, a petición da veciñanza da rúa Santa Eufemia, a implantación da dirección única de saída cara A Coruña.
Aproveitando a melloría do tempo tamén se realizará un pintado de zonas de carga e descarga e vaos, así coma das novas prazas de Zona Azul nas rúas Vila de Negreira e Lugo.