Inicio Carballo ao día Hemeroteca Seguimos avanzando na extensión do servizo...

Seguimos avanzando na extensión do servizo de saneamento na zona rural con máis de 15 novos quilómetros de rede

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos visitaron os traballos que se están a desenvolver entre Evas e A Piña, na parroquia de Sofán

Xoves 18 de marzo do 2021 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero, nas obras do saneamento A Piña-Evas

Luis Lamas e Evencio Ferrero, nas obras do saneamento A Piña-Evas

A extensión do ciclo integral da auga é unha das prioridades do goberno municipal, como demostra, por exemplo, o feito de que a única obra incluída no POS+ 2021, aprobado por unanimidade pola corporación, sexa o abastecemento á zona da Pedra do Sal, completando deste xeito a rede principal que permitirá achegar o servizo ás parroquias do litoral. Pero se garantir o subministro de auga é un dos principais obxectivos do Concello de Carballo, tamén o é seguir completando a rede de saneamento. Nestes momentos chega a máis do 90% da poboación, e continúa a medrar con 15 novos quilómetros de rede na zona rural.

Despois dos proxectos que vimos de completar en Taboada e A Granxa (Entrecruces); O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza), Razo da Costa e Santa Mariña (Razo), Betrís e Ribeira (Rus), e Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (Artes), nalgún caso só pendentes das reposicións, nestes momentos estase a traballar por parte da empresa Vázquez y Reino no treito A Piña-Evas (Sofán), no que se colocarán case tres quilómetros de tubaxes. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, fixeron un percorrido de seguimento dos traballos, que avanzan a bo ritmo.

Na práctica totalidade das actuacións que estamos a acometer incluímos tanto as redes de saneamento coma as de abastecemento, evitando ter que volver a abrir gabias no futuro. É o caso da ampliación das redes no lugar de Vella Morta, na estrada de Carballo a Razo, adxudicada xa á empresa Vázquez y Reino, ou do proxecto que desenvolverá Excavaciones Candal nos lugares do Curro, O Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, na parroquia de Berdillo. O mesmo modelo seguirase nos proxectos de Cambre e Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo), e de Leboreo, Requeiro e A Rega (Bértoa), que están en contratación.

O investimento nestes novos saneamentos supera, en total, os dous millóns de euros.

Compartir: