Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero reitera unha vez máis...

Evencio Ferrero reitera unha vez máis á Xunta de Galicia a solicitude de arranxo da estrada autonómica AC-414

O Concello de Carballo ofrécese a cofinanciar as obras e a aceptar a transferencia da vía cando estean rematadas

Martes 10 de agosto do 2021

Xoane

Xoane

Por quinto ano consecutivo, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de remitir á Consellería de Infraestruturas unha solicitude de arranxo da estrada autonómica AC-414 ao seu paso polas parroquias de Goiáns e Cances. Ás peticións enviadas o 3 de marzo de 2017, o 10 de maio de 2018, o 13 de febreiro de 2019 e o 1 de xullo de 2020, esta última acompañada con 198 sinaturas de veciños e veciñas da parroquia de Goiáns, sumouse outra neste mes de agosto.

Cances

Cances

O mal estado e a perigosidade da vía autonómica é unha das principais preocupacións da veciñanza de Goiáns, tal como teñen reiterado en sucesivos consellos parroquiais. Por unha banda solicitan a continuación das beirarrúas tanto ata a conexión con Carballo coma, polo outro lado, ata o remate do lugar de Xoane. Ademais, consideran que as rotondas deixan illada á parroquia, polo que piden unha alternativa para o tráfico peonil; demandan medidas redutoras da velocidade e o acondicionamento da estrada e das beirarrúas existentes.

Por parte do goberno municipal tense manifestado en repetidas ocasións a disposición do Concello de Carballo a participar no financiamento dunha actuación de mellora integral da vía, asumindo a titularidade da mesma cando rematen as obras. Evencio Ferrero considera que unha solución axeitada para ese treito podería ser unha senda ciclopeonil coma as que se están a executar noutros puntos do concello.

Compartir: