Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de cincuenta persoas confirmaron xa a...

7 E 8 DE OUTUBRO EN CARBALLO

Máis de cincuenta persoas confirmaron xa a súa asistencia ao 8º Congreso Cidades que Camiñan

Pedro Torrijos, Márius Navazo, José Manuel Pan e Paula Teles, entre os poñentes da xornada pública do congreso, para a que se precisa inscrición previa

Luns 6 de setembro do 2021 Carballo ao día

Falta case un mes para a celebración do 8º Congreso Cidades que Camiñan e xa superamos o medio cento de inscricións. Dado que o aforo será limitado, as persoas que queiran participar nas actividades abertas ao público deben cubrir este formulario.

Co lema é “Andando enténdese a xente”, os días 7, 8 e 9 de outubro desenvolveranse unha serie de accións dirixidas a todo tipo de públicos. O congreso arrincará o día 7 cunha visita técnica guiada pola nosa vila coa finalidade de amosar ás persoas participantes as principais actuacións que están a contribuír á transformación urbana. De seguido celebrarase a asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan, coa participación das cidades asociadas.

O venres 8 desenvolveranse no Pazo da Cultura as sesións públicas do congreso, abertas a todas as persoas interesadas. Tras o acto de apertura por parte do presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a conferencia inaugural correrá a cargo do arquitecto e divulgador cultural Pedro Torrijos, toda unha referencia con gran presenza nos medios de comunicación e redes sociais coma Twitter, onde ten máis de 148.000 seguidores/as. O xeógrafo Màrius Navazo, o xornalista José Manuel Pan e a enxeñeira Paula Teles son outros dos poñentes que estarán en Carballo na xornada do venres. Podes consultar o programa completo aquí.

As persoas que o desexen tamén poderán participar o sábado 9 nunha visita técnica guiada polo museo de arte pública “Derrubando muros con pintura”, que acada xa as 90 creacións artísticas ao longo e o ancho da vila de Carballo. E tamén se ofrece aos asistentes a posibilidade de dispoñer dunha bicicleta para os seus desprazamentos pola vila.

Carballo será o punto de encontro das 63 cidades de 3 países que integran a día de hoxe a Rede de Cidades que Camiñan, pero o congreso pretende converterse tamén no lugar de referencia de todas as persoas, entidades e institucións que compartan a necesidade de seguir traballando para que as nosas vilas e cidades sexan cada vez máis habitables, seguras e sostibles. Se a nosa causa tamén é a túa, inscríbete!

Compartir: