Inicio Carballo ao día Novas Carballo e o pádel únense un ano...

Carballo e o pádel únense un ano máis para colaborar coa Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia

Miclub acolle un torneo solidario que terá lugar do 3 ao 12 de decembro e no que pode colaborarse tanto xogando como a través dunha fila cero

Mércores 24 de novembro do 2021 Deporte

A presentación do torneo tivo lugar na Casa do Concello

A presentación do torneo tivo lugar na Casa do Concello

Miclub Pádel busca un ano máis a colaboración do Concello para solidarizarse coa Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog). Dende o venres 3 e até o domingo 12 de decembro, aproveitando a semana da ponte da Constitución, celébrase a sétima edición do Torneo de Pádel Solidario Concello de Carballo no que se recadarán fondos para axudar a esta entidade que nace en 2012 co obxectivo de contribuír ao mellor estado das nenas e nenos que padecen cancro e as súas familias.

A cita conta con catro categorías: masculina (1ª, 2ª, 3ª e 4ª), feminina ( 1ª, 2ª e 3ª) e mixta (1ª, 2ª e 3ª). A cota de inscrición é de 18€ e inclúe a participación e un paquete de benvida cunha camiseta e unha rifa para participar nun sorteo de agasallos. O Xuíz árbitro é Marcos Fernández Pena. As persoas interesadas poden inscribirse até o 30 de novembro ás 22.00 h. a través de mistorneosonline.es e tamén a través dos teléfonos 981 732 954 e 619 688 822. E ademais, para quen queiran colaborar con esta boa causa, tamén é posible realizar doazóns a través dunha Fila Cero na conta de La Caixa: ES61 2100 1453 2102 0025 9900.

Apoio global aos pacientes e ás súas familias

A presentación da cita contou coa presenza do Presidente de Asanog, Chema Fernández; da técnica de Asanog Mercedes Fernández; do presidente de Miclub Pádel Manuel Pallas; do Concelleiro de Cultura e Deporte Marcos Trigo; e da Concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade Maica Ures. Mercedes Fernández subliñou que Asanog apoia ás familias con nenas e nenos que teñen estadías prolongadas en hospitais por mor do cancro, nomeadamente no Hospital Clínico Universitario de Santiago, CHUS, que é o centro de referencia en transplantes de medula.

Proporcionan apoio psicolóxico, xestión das axudas a través do traballo social, apoio en atención primaria e colaboran coa apertura da aula hospitalaria do CHUS levando xogos e actividades lúdicas ás nenas e nenos ingresados. Fernández quixo agradecer a colaboración do Concello, de Miclub e de todos os patrocinadores e colaboradores do torneo “sen os que non sería posible poñer en marcha moitos proxectos para os pacientes de oncoloxía”. Así mesmo, Marcos Trigo asegura que o Concello está encantado de colaborar un ano máis e fai un chamamento para que a xente se anime a colaborar por unha boa causa.

Compartir: