Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Carreira Popular 10k Carballo volve despois de...

DOMINGO 5 DE XUÑO

A Carreira Popular 10k Carballo volve despois de dous anos con case 1.200 participantes

Aquí atoparás horarios, percorridos, cortes de tráfico previstos e toda a información do evento deportivo

Xoves 2 de xuño do 2022 Deporte

O alcalde entregou un Carballo de Sargadelos a Isidoro Hornillos en recoñecemento polo seu labor á fronte do atletismo galego

O alcalde entregou un Carballo de Sargadelos a Isidoro Hornillos en recoñecemento polo seu labor á fronte do atletismo galego

Despois de dous anos de ausencia obrigada, a 10k Carballo volve cunha cifra de participación que supera as expectativas: 1.198 deportistas de todas as categorías correrán este domingo 5 de xuño polas rúas de Carballo, 487 deles/as na carreira absoluta de 10.000 metros homologados. O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron hoxe o evento. Os representantes municipais aproveitaron o acto para recoñecer o traballo desenvolvido por Isidoro Hornillos á fronte da federación facéndolle entrega dunha figura do Carballo de Sargadelos. Tanto este momento como as declaracións dos protagonistas do acto forman parte do vídeo que atoparedes ao final desta nova.

A celebración da 10k Carballo afectará ao tráfico rodado. A Policía Local ten preparado un dispositivo especial no que participarán 18 axentes para garantir a fluidez da circulación e adoptar, se é preciso, medidas complementarias para evitar sobrecargas nas vías polas que discorrerá a carreira popular. Dende o Concello de Carballo agradecemos por anticipado a vosa comprensión e colaboración, e agardamos que toda a veciñanza desfrute deste gran espectáculo deportivo.

DISPOSITIVO DE MOBILIDADE

  •  Rúas que estarán pechadas ao tráfico rodado de 9:45 a 11.30 horas:
Gran Vía dende rúa Sol ata glorieta da Gran Vía, Vázquez de Parga dende rúa Portugal ata Camiño Novo, Camiño Novo, Anxel Fole, Enrique Sánchez, Perú, Luís Calvo, Castelao, Alexandre Bóveda, Avda. Fisterra ata rúa Fomento, Río Anllóns, Río Sil, Río Lérez, Río Miño, Fomento, Praza de Galicia, Camiño Novo, Valle Inclán e Colón.
  • Rúas que compartirán tráfico e corredores:
Vázquez Parga, dende cruce con Gran Vía ata Emilia Pardo Bazán. 

Recoméndase aos condutores que usen a circunvalación da AG-55. Solicítase a todos os veciños que teñan garaxe nas rúas incluídas no percorrido que os retiren antes da hora de comezo da proba.

VÍAS ALTERNATIVAS PARA ENTRAR E SAÍR DA ZONA URBANA

  • Dende A Coruña en dirección a Santiago, Ordes ou Fisterra: na entrada de Carballo, á altura do Bar Caracola, xirar á esquerda en dirección á Avda. de Bergantiños, Vila de Corcubión e Vila de Negreira para continuar recto ata Avda da Milagrosa.
  • Dende A Coruña en dirección a Malpica ou Fisterra aconséllase circular pola circunvalación, aínda que se habilitará un único carril de circulación pola ruta habitual (Vázquez Parga, Emilia Pardo Bazán e Ponte da Pedra).
  • Dende Fisterra, Santiago ou Ordes en dirección á Coruña: Avenida da Milagrosa, Vila Negreira, Avda Bergantiños e saída á AC-552 á altura do bar Caracola.
  • Dende Malpica en dirección á Coruña recoméndase usar a circunvalación, aínda que na ruta habitual estará habilitado un carril para a circulación.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: