Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local reforzará a...

DISPOSITIVO ESPECIAL DO 18 AO 26 DE XUÑO

A Policía Local reforzará a súa presenza nas rúas para contribuír a unha maior seguridade durante as nosas festas

Efectivos da Unidade de Seguridade Cidadá (USECI) da Garda Civil estarán en Carballo nos días de maior afluencia

Xoves 16 de xuño do 2022 Carballo ao día

Despois de dous anos sen festas, queremos que toda a veciñanza e os milleiros de persoas que se achegarán ata Carballo nos vindeiros días desfruten dun regreso do San Xoán o máis tranquilo e seguro posible. Con esa intención, a Concellaría de Mobilidade e Seguridade presentou hoxe un dispositivo especial de seguridade, froito dunha xuntanza celebrada entre os mandos da Policía Local e a Garda Civil.

O dispositivo arrincará o sábado 18 e manterase ata o domingo 26, último día da Semana Grande de Carballo. Durante este período estarán operativos o 100% dos/as axentes da Policía Local e realizaranse máis de 170 servizos. O obxectivo é «alcanzar un clima de seguridade e tranquilidade para estas celebracións, intentando previr calquera tipo de incidente”, indicou o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera.

Para conseguilo reforzaranse as patrullas a diario e extremarase a vixilancia, especialmente en horas nocturnas. A presenza policial será continuada nas zonas de maior afluencia, xa en cada quenda de traballo estarán operativos entre cinco e oito axentes, e nos momentos de maior afluencia poderán chegar ata 19 “para que o calendario festivo transcorra con total normalidade e coa vistosidade que merecen as festas patronais”, sinala Mosquera.

Grazas á colaboración entre Policía Local e Garda Civil, todas as noites estarán operativas entre catro e cinco patrullas, e nos actos de maior afluencia contarán co reforzo de equipos especializados da Unidade de Seguridade Cidadá (USECI). Controis de seguridade cidadá, presenza policial nas zonas e actos de máxima aglomeración e vixilancia constante serán as claves para intentar reducir ao mínimo as incidencias.

Compartir: