Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concello e Xunta asinan o protocolo que...

Concello e Xunta asinan o protocolo que permitirá a posta en marcha dun centro integral de saúde en Carballo

A Consellería de Sanidade construirá un edificio anexo ao actual de 1.820 metros cadrados

Xoves 22 de decembro do 2022 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron este mércores un protocolo de colaboración para a execución das obras de construción dun edificio anexo ao actual centro de saúde que permitirá a súa transformación en centro integral de saúde (CIS). Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Coruña, Gonzalo Trenor; o xerente da área sanitaria, Luis Verde, e a directora de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro.

Con este protocolo, o Concello de Carballo comprométese a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames dos terreos lindeiros co actual centro de saúde, terreos coa cualificación urbanística axeitada para acometer unha ampliación de 1.820 metros cadrados.

Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo os trámites necesarios e as obras do centro de saúde para a súa transformación en centro integral de saúde.

“Este é o primeiro paso para un avance necesario”, manifestou Evencio Ferrero. O protocolo asinado este mércores confirma o acordo acadado entre ambas administracións en novembro do ano pasado sobre a transformación do actual centro de saúde en CIS. A partir dese momento, a administración municipal efectuou as consultas urbanísticas e técnicas oportunas para a adquisición dos terreos necesarios.

Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.

Compartir: