Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro Municipal de Formación aposta...

INSCRÍBETE NA OFICINA DE EMPREGO

O Centro Municipal de Formación aposta pola preparación de profesionais nos sectores da electricidade e a carpintaría

En xaneiro arrincarán nas instalacións do Fórum Carballo dous novos cursos de formación para o emprego

Mércores 28 de decembro do 2022 Carballo ao día

O alumnado de soldadura e do obradoiro Fórum Dual celebrou o Nadal

O alumnado de soldadura e do obradoiro Fórum Dual celebrou o Nadal

No Centro Municipal de Formación, dependente da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego, seguimos apostando pola preparación de profesionais en sectores con boas perspectivas de emprego. Despois da posta en marcha do obradoiro Fórum Dual coas especialidades de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, así coma da primeira das dúas accións formativas de soldadura previstas para o curso 2022-23, no mes de xaneiro arrincarán dous novos cursos relacionados cos sectores da electricidade e a carpintaría.

Do 23 de xaneiro ao 21 de xuño desenvolverase un curso de Montaxe de mobles e elementos de carpintaría. Trátase dunha acción formativa de nivel 2, polo que para participar requírense estudos de ESO, competencias clave ou ciclos formativos de grao medio ou superior, como mínimo. O curso terá unha duración total de 538 horas, que inclúen 18 de módulos transversais sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero e 60 de prevención de riscos laborais.

O segundo curso é o de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios, que se desenvolverá dende o 30 de xaneiro ata o 6 de xuño. Neste caso é unha acción formativa de nivel 1, polo que non é preciso ter ningunha titulación e pode participar calquera persoa desempregada. Serán 458 horas de formación, incluídas, como no anterior, 18 de módulos transversais e 60 de prevención de riscos.

As solicitudes de participación poden realizarse presencialmente ou a través da Intranet do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Tamén están en marcha os procesos selectivos de profesorado. As bases poden consultarse na sección de Convocatorias, na portada desta páxina web.

Estes dous talleres, en cada un dos cales hai 15 prazas, forman parte do plan formativo para o emprego financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade para o período 2021-2023. En novembro comezou xa un curso de Soldadura con electrodo revestido e TIG, e para o ano que vén está previsto outro. De feito, o Fórum Carballo está considerado un dos mellores centros de Galicia para a formación en soldadura.

Compartir: