Inicio Carballo ao día Novas Activada a prealerta por risco de...

Activada a prealerta por risco de inundacións en Carballo

Este mediodía celebrouse unha xuntanza de coordinación para anticiparse aos problemas que poidan producirse nos vindeiros días

Martes 17 de xaneiro do 2023

Imaxe da xuntanza celebrada este mediodía

Imaxe da xuntanza celebrada este mediodía

O Concello de Carballo atópase en situación de prealerta por risco de inundacións, especialmente nas beiras do Anllóns. Para anticiparse aos problemas que poidan xurdir, sobre todo de cara ao xoves, no que se prevé un incremento das precipitacións, o alcalde, Evencio Ferrero, convocou unha xuntanza de coordinación na que participaron os concelleiros de Seguridade, Juan Seoane, e Servizos, Luis Lamas; os xefes da Policía Local, Roberto Mosquera; Protección Civil, Javier Souto, e a Brigada Municipal de Obras, Manuel Mariño; o enxeñeiro municipal, José Facal, e o responsable de Gestagua, a emprega que xestiona o ciclo integral da auga, Benigno López.

As medidas preventivas xa empezaron a aplicarse nos últimos días, co control de aforos tanto no Anllóns coma no Bardoso, e o peche, dende primeira hora da mañá de hoxe, do paseo do Anllóns. Na xuntanza celebrada este mediodía acordouse actualizar os datos dos aforos nos ríos cada 12 horas e ir adoptando medidas de información de prevención entre a poboación en función da evolución das canles, dadas as previsións de incremento das precipitacións.

Así estaba o San Martiño a primeira hora da mañá

Así estaba o San Martiño a primeira hora da mañá

Nestes momentos recoméndase a todas as persoas que vivan a menos de 50 metros do río que extremen as precaucións, especialmente na zona do San Martiño e do Parque do Anllons, evitando a utilización dos garaxes. Tamén se aconsella á poboación en xeral non utilizar as zonas de aparcamento situadas na contorna do San Martiño e non achegarse ás marxes dos ríos.

Ante calquera incidencia está a disposición da cidadanía o teléfono de emerxencias 112.

Compartir: