Inicio Carballo ao día Novas Desactivada a prealerta por risco de...

Desactivada a prealerta por risco de inundacións no río Anllóns

A Xunta de Galicia tamén dá por rematados os fenómenos meteorolóxicos adversos e establece o nivel de alerta verde no litoral

Venres 20 de xaneiro do 2023

Despois de tres días de incerteza, a situación do río Anllóns tende a estabilizarse, polo que o Concello de Carballo decidiu hoxe desactivar a prealerta por risco de inundacións. A decisión municipal coincide coa comunicación da Xunta de Galicia na que se dá por finalizado o episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos costeiros de nivel laranxa, e establécese o nivel verde. Aínda así, dende os servizos de emerxencias municipais recoméndase á veciñanza que se manteñan as medidas de precaución tanto nas beiras dos ríos coma no litoral.

A desactivación da prealerta por risco de inundacións non significa que a situación estea normalizada, xa que o nivel do Anllóns continúa alto e moitos dos treitos habilitados para o paseo mantéñense intransitables. Nese sentido, as recomendacións seguen sendo as mesmas: evitar achegarse ás marxes dos ríos e manter a vixilancia nas vivendas situadas a menos de 50 metros das canles fluviais.

Ante calquera incidencia está a disposición da cidadanía o teléfono de emerxencias 112.

Compartir: