Alumnado do CEIP Bergantiños realizou unha visita á casa do concello para coñecer de preto a administración local
Mércores 25 de xaneiro do 2023
Hoxe recibimos a visita do alumnado de 2º de primaria do CEIP Bergantiños. Os nenos e nenas están traballando sobre o concello na materia de Sociais e quixeron coñecelo de primeira man, así que as súas profes organizaron unha pequena excursión polas instalacións municipais que incluíu a Oficina Técnica, a Policía Local e a Policía Nacional.
E, como é costume, tamén se celebrou no salón de plenos unha xuntanza entre a rapazada e o alcalde, Evencio Ferrero, que estivo acompañado polo concelleiro Luis Lamas. Os escolares sometéronos a un "terceiro grao" sobre cuestións municipais coma os parques infantís ou a rede viaria... e mesmo persoais, como a idade do alcalde. E, aínda que lles custou un pouco, ao final adiviñárona.
A visita rematou coa xa tradicional entrega de mochilas aos 75 nenos e nenas, e nesta ocasión contiñan un libro dos Bolechas. Agardamos que vos gustase a experiencia. Grazas por vir!