Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación inicia o pago das...

A Deputación inicia o pago das expropiacións para as obras da terceira e última fase da travesía de Sísamo

As 103 persoas que figuran como titulares catastrais dos terreos afectados están convocados para os días 24 e 25 deste mes

Xoves 20 de abril do 2023 Carballo ao día

As obras mellorarán toda a estrada, dende Carballo ata o lugar do Outeiro

As obras mellorarán toda a estrada, dende Carballo ata o lugar do Outeiro

A Deputación da Coruña impulsa a terceira e última fase das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo co pago dos depósitos previos e indemnizacións pola rápida ocupación en expedientes de expropiación forzosa. O día 18 publicouse no BOP o anuncio destes pagos a 103 titulares de terreos desta vía, que están convocados para os días 24 e 25 de abril, en horario de tarde, no segundo andar da casa do concello, para recibir as indemnizacións que permitan comezar unhas obras moi demandadas pola veciñanza.

O proxecto, aprobado hai catro meses, supón un importante investimento de 2,4 millóns de euros, dos que a Deputación achegará 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 euros a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería. Resérvanse ademais 116.835 euros para as expropiacións.

O investimento total das tres fases (2,7 millóns de euros de fondos provinciais e 652.000 do Concello de Carballo) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.

Descrición das obras

As obras darán continuidade á mellora realizada na zona urbana da vía

As obras darán continuidade á mellora realizada na zona urbana da vía

As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monte Neme e continúan até o final da via no lugar do Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.

As obras seguirán a mesma liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidráulica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de aceiro inoxidable

A veciñanza de Sísamo demandaba completar as obras da travesía ata o final da estrada, no lugar do Outeiro. Unha vella demanda que será posible grazas aos dous convenios de colaboración entre a Deputación e o Concello de Carballo, que asinaron o pasado mes de decembro o presidente Valentín González Formoso, e o alcalde deste municipio, Evencio Ferrero. Nos convenios delégase a contratación e execución das obras no Concello de Carballo e establécense as cantidades económicas a aportar por cada administración e o seu obxecto, así como a cesión da titularidade da travesía ao Concello unha vez rematados os traballos.

Descargas

Compartir: