Inicio Carballo ao día Novas A Deputación aproba os fondos para as...

A Deputación aproba os fondos para as obras do abastecemento de auga da Canosa a Entrecruces e da rúa Compostela

O investimento acada os 843.572,75 euros entre as dúas obras

Venres 26 de maio do 2023

Canosa-Rus

Canosa-Rus

A Deputación da Coruña aprobou no último pleno do mandato a asignación dos primeiros 47 millóns de euros do POS+2023, que permitirán financiar 200 obras nos concellos da provincia, e 7 millóns de euros para gastos sociais dos concellos. Grazas a estas achegas, en Carballo contaremos con 195.871,55 euros para o servizo de axuda no fogar, e ademais poderán acometerse as obras da rede de abastecemento de auga dende Canosa (Rus) ata Entrecruces, cun orzamento de 632.306,75 euros.

Con este novo proxecto, o Concello de Carballo seguirá avanzando na extensión do ciclo da auga polo territorio municipal. Precisamente están tamén a piques de comezar as obras da rede de abastecemento á zona baixa de Sofán e Verdillo, cun investimento de 700.000 euros. No POS+2023 tamén están incluídas, para as próximas achegas da Deputación, o aglomerado das estradas de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), por 576.614,01 euros, e de Pereiro Vello ata Outón (Rus), por 391.787,88 euros; a rede de abastecemento aos núcleos do Espiño, Ramil, O Piñeiro e Goiáns de Arriba, por 221.208,87, e a rede de pluviais en varias rúas do parque empresarial de Bértoa, por 353.476,44 euros.

Rúa Compostela

Rúa Compostela

Por outra banda, o pleno da Deputación tamén aprobou hoxe un paquete de investimentos en estradas provinciais, entre eles 211.266 euros para a mellora da accesibilidade da rúa Compostela, no treito comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo. Do mesmo xeito, levarase a cabo a renovación das redes de servizos e da capa de rodaxe.

Compartir: