Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Xardín do Xestal convértese no...

DÍA DO ORGULLO

O Xardín do Xestal convértese no símbolo da diversidade sexual e da liberdade de ser e sentir

Mércores 28 de xuño do 2023 Carballo ao día

Hai lugares nos que se eliminan bandeiras arco iris, onde se colocan lonas que tiran polo chan os logros do movemento feminista ou os dereitos do colectivo LGTBQ+, pero en Carballo “creamos xardíns para que as liberdades e os dereitos das persoas medren igual que as flores”. As palabras son da concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, encargada de presentar o acto de inauguración do Xardín do Xestal neste 28 de xuño.

Carlos O Xestal foi apresado, maltratado e sinalado por ser homosexual. Neste Ano do Xestal, que celebramos con motivo do 90º aniversario do seu nacemento e do seu 30º cabodano, reivindicamos a súa figura e convertémolo no símbolo da diversidade sexual e da liberdade de ser e sentir poñéndolle o seu nome a un xardín multicolor que incorpora ademais un elemento tan rústico como os rolos de herba seca, símbolo tamén da defensa que O Xestal fixo sempre do mundo rural.

Carla Trigo e Raúl Lista, durante a súa intervención

Carla Trigo e Raúl Lista, durante a súa intervención

Dese e doutros moitos aspectos da súa vida falaron no acto dous nenos carballeses, Carla Trigo e Raúl Lista, alumnos do CEIP Plurilingüe A Cristina, que traballou durante o curso na recuperación da memoria do gran humorista e folclorista a través dos testemuños recollidos polos nenos e nenas entre as súas familias. O resultado foi un percorrido moi completo pola vida de Carlos Díaz Gestal, que hoxe compartiron coa veciñanza que se achegou ata o Parque do Anllóns para participar no acto.

Evencio Ferrero destacou o simbolismo da data, porque, ademais do Día do Orgullo, o 28 de xuño do 1936 celebrouse o plebiscito polo Estatuto de Autonomía de Galicia, “un feito histórico para este país”. Foi tamén o 28 de xuño, no ano 1984, cando retornaron de Arxentina os restos de Castelao, e tal día coma hoxe naceron algúns carballeses, como o propio Evencio Ferrero, “co cal sempre será un día especial para moitos de nós, e ademais celebrar o orgullo dálle dignidade a moitas persoas”.

O alcalde lembrou algúns dos moitos momentos que viviu con Carlos O Xestal, pero detívose especialmente na súa loita por conseguir levar a luz eléctrica á parroquia de Lema e por preservar o ecosistema de Baldaio. “Carlos sempre era o primeiro en apuntarse a defender os dereitos dos demais, e estamos encantados de que floreza a súa memoria con xardíns coma este, que a min paréceme unha solución acertadísima. Os espazos urbanos van gañando en flores, pero tamén en orgullo, o orgullo de ser carballeses”, manifestou.

Evencio Ferrero incidiu no simbolismo tamén do espazo escollido para a creación do Xardín do Xestal, xunto á rúa Manuel María, á praza Xela Arias e ao Xardín de Rosalía de Castro, todos eles no entorno do río Anllóns. “O río que dá vida a toda a comarca de Bergantiños estase a converter nun espazo moi singular. Respectémolo como temos que respectar todas as ideoloxías e que todas as persoas poidan desfrutar da súa sexualidade con liberdade”, rematou.

Ao tempo que un grupo de escolares facían voar os papaventos elaborados por eles mesmos no obradoiro que organizou onte a Concellaría de Igualdade, a música do dúo Curuxa, con Pablo Moreira á guitarra e Cecilia Burillo ao violoncello, soou como peche do fermoso acto.

Vídeos



Galería

Compartir: