Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local aproba...

A Xunta de Goberno Local aproba subvencións para o FIOT e para as entidades deportivas

O Concello achega 35.000 euros para o Festival Internacional Outono de Teatro, ademais de ceder os espazos para as funcións

Martes 26 de setembro do 2023

O Concello de Carballo amosa un ano máis o seu apoio ao Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) non só participando na organización, senón tamén mediante a concesión dunha subvención de 35.000 euros e a cesión dos espazos precisos para a celebración dos espectáculos. O acordo foi adoptado este luns pola Xunta de Goberno Local, que, en materia cultural, tamén aprobou o convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do segundo semestre.

A Xunta de Goberno tamén aprobou as resolucións correspondentes ás convocatorias de subvencións a entidades deportivas para a participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España e para a organización de eventos, por un total de case 10.000 euros.

As axudas na liña de campionatos de España son as seguintes:

  • AD Fogar: 750 euros para os Campionatos de España de Atletismo, Natación e Triatlón.
  • Club Taekwondo ITF Carballo: 490 euros para os Campionatos de España Pre-Júnior, Júnior e Senior de Cintos Negros.
  • Escola Balonmán Xiria: 1.500 euros para o Campionato de España Cadete Masculino.
  • Escola Balonmán Xiria: 1.500 euros para o Campionato de España Infantil Feminino.
  • Sysca: 750 euros para o Campionato de España Xuvenil, Júnior e Absoluto.

En canto á organización de eventos, concedéronse as seguintes subvencións:

  • AD Fogar: 1.500 euros para o I Memorial Pedro Luis Fernández.
  • Judo Club Bergantiños: 1.500 euros para o Campionato de Nadal.
  • Sysca: 1.500 euros para o Memorial Carlos Servando.
  • SD Oza: 396 euros para o 3º Triangular Oza.

O goberno municipal deu o visto bo tamén a un convenio co IES Monte Neme para o desenvolvemento de formación en centros de traballo, facilitando que un alumno do instituto realice prácticas no Concello de Carballo ata o Nadal.

Na sesión deste luns foron aprobadas licenzas urbanísticas, vaos e facturas por importe de 42.859,67 euros.

Compartir: