Inicio Carballo ao día Novas O alumnado de 1º e 2º do colexio Artai...

O alumnado de 1º e 2º do colexio Artai realizou a primeira visita deste curso ás dependencias municipais

O alcalde, Evencio Ferrero, recibiu aos nenos e nenas no salón de plenos

Mércores 18 de outubro do 2023

Hoxe recibimos a primeira visita escolar deste curso ás dependencias da casa do concello. Nesta ocasión os convidados foron cincuenta alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria do CPR Artai. No seu percorrido pola Casa do Concello, a primeira parada foi no salón de sesións, onde foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, que, ademais de darlles a benvida e ofrecerlles unha breve explicación do traballo municipal, respondeu a todo tipo de preguntas. Con el estiveron a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, e o concelleiro de Planificación Urbana, Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane.

Despois de máis de media hora de conversa, os escolares saíron do salón de sesións con cadansúa mochila con información sobre algúns dos recursos turísticos e culturais dos que poden gozar tanto na escola coma en familia, e dende alí foron percorrendo diferentes departamentos ata chegar á oficina de tramitación do DNI e o pasaporte que ten a Policía Nacional na planta baixa do edificio. Despois de coñecer a importancia do documento de identidade, visitaron as dependencias da Policía Local, que é unha das paradas favoritas dos nenos e nenas, onde puideron coñecer máis de preto o traballo policial.

Para o día 26 xa temos concertada unha visita do alumnado de 1º e 2º cursos do CEIP A Cristina, e en novembro volverá o colexio Artai en dúas quendas coa rapazada de 3º e 4º, o día 14, e a de 5º e 6º, o 22.

Compartir: