Inicio Carballo ao día Novas Carballo, presente esta semana en eventos de...

Carballo, presente esta semana en eventos de ámbito estatal en Valladolid, Eivisa, Pamplona e Barcelona

Congreso Cidades que Camiñan, Seminario sobre compostaxe descentralizada, Congreso nacional de bibliotecas públicas... e máis!

Venres 20 de outubro do 2023

A expedición carballesa, co presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores

A expedición carballesa, co presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores

Carballo está presente esta semana en eventos de ámbito nacional que se celebran en distintos puntos do estado co obxectivo de intercambiar experiencias, tanto para dar a coñecer o que se fai no noso concello como para aprender doutros, e de seguir mellorando os servizos á cidadanía.

A Valladolid imos por partida dobre. Por unha banda, o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; xunto coa voceira do Concello de Carballo na Rede de Cidades que Camiñan, Milagros Lantes; o asesor Daniel Barreiro e o arquitecto Alfredo Garrote participan no 10º Congreso Cidades que Camiñan, cuxo lema é A rúa é a vida. Onte asistiron á asemblea xeral da rede, integrada nestes momentos por 80 concellos e 3 deputacións, e hoxe están presentes nos relatorios que se celebran ao longo dunha intensa xornada de traballo.

A segunda vinculación con Valladolid chegou a través do festival Carballo Interplay, que foi unha das experiencias destacadas da mesa de proxectos sobre Rural / Urbano / Dixital do IX Encontro Cultura e Cidadanía. E despois do seu paso pola capital de Castela e León, o Interplay está hoxe en Barcelona, onde a súa directora, Sonia Méndez, intervén no festival Serielizados.

Miguel Vales, nunha visita a un centro de xestión de biomasa

Miguel Vales, nunha visita a un centro de xestión de biomasa

Onte tamén comezou en Eivisa o 12º Seminario sobre compostaxe descentralizada, no que participan o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o asesor da área, Santiago Andrade. En dúas intensas xornadas, o seminario aborda a xestión dos biorresiduos en grandes produtores ou a orde ministerial e a adaptación das ordenanzas á nova Lei de Residuos, entre outros asuntos de interese.

E hoxe tamén remata a súa participación no XI Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas a coordinadora da Biblioteca Rego da Balsa, Ana Asensio. O encontro, que se celebra en Pamplona, leva como título nesta edición Democracia, lectura e dereito á información.

Compartir: