Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un certame de contos humorísticos con...

PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA O 30 DE NOVEMBRO

Un certame de contos humorísticos con 2.500 euros en premios pecha o intenso programa de actividades do Ano do Xestal

O certame celebrarase o 17 de decembro, cunha gala presentada por Xurxo Souto na que, ademais dos/as cómicos/as participantes, actuará o Colectivo Xestal

Xoves 2 de novembro do 2023 Lingua

Evencio Ferrero e Ánxeles Pacoret presentaron o certame

Evencio Ferrero e Ánxeles Pacoret presentaron o certame

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Arquivos e Bibliotecas, Ánxeles Pacoret, presentaron hoxe o Certame de contos humorísticos O Xestal, que será a última actividade deste intenso ano dedicado a Carlos Díaz O Xestal e coa que queremos poñer en valor a faceta artística pola que foi máis coñecido: a de contador.

Na sala do Pazo da Cultura que acolle a exposición O Xestal, unha vida de conto, “o escenario idóneo para facer esta presentación”, apuntou a concelleira, deuse a coñecer a iniciativa. Ánxeles Pacoret aludiu á necesidade de poñer en valor non só a faceta artística do Xestal senón tamén o seu compromiso coa lingua galega, “ese compromiso que aparecía en todas as facetas da súa vida” e que coincide plenamente co labor que vén desenvolvendo a Concellaría de Normalización Lingüística ao longo de todo o ano.

Pero o certame ten un obxectivo máis: a procura de novos talentos artísticos, e por iso, aínda que está aberto a todas as persoas maiores de 16 anos, vai especialmente enfocado cara a mocidade que trata de facerse un oco no mundo da interpretación humorística. Por iso, tal como recollen as bases, que podes descargar máis abaixo, no caso de que sexa preciso realizar unha selección previa á gala terían preferencia os/as participantes de 16 a 30 anos.

En total repartiranse 2.500 euros en premios: 1.200 para o gañador ou gañadora, 800 para o/a segundo/a clasificado/a e 500 para o/a terceiro/a. Os premios poden ser un aliciente máis para que afloren novos talentos da interpretación, e que, como lembrou o alcalde, do mesmo xeito que no seu día “Uxía, sendo moi nova, gañou o festival da canción de Bergantiños, e iso doulle o paso para ser unha excelente profesional da música, este certame tamén sirva para perpetuar durante moitísimos anos a memoria do Xestal. Carlos ben o merece, porque ten que seguir sendo unha realidade entre nós, unha realidade presente”.

O certame decidirase nunha gala que se celebrará o domingo 17 de decembro, ás 18.30 horas, no auditorio do Pazo da Cultura. O presentador do evento será Xurxo Souto, e ademais contaremos coa actuación musical do Colectivo Xestal, que estreará en Carballo unha peza baseada no famoso poema do Xestal O 8 de maio. O xurado estará integrado por catro persoas, representantes do mundo do teatro, do ámbito folclórico, da normalización lingüística e do Concello.

Descargas

Compartir: