Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo impulsa os procesos de...

O Concello de Carballo impulsa os procesos de constitución dos consellos deportivo e escolar municipais

41 entidades participaron nas eleccións para nomear aos seus representantes no Consello Deportivo Municipal

Venres 19 de xaneiro do 2024 Deporte

O Concello de Carballo avanzou esta semana nos proceso de constitución dos consellos deportivo e escolar municipais.

O xoves 18 celebrouse no Fórum Carballo a asemblea única de eleccións para nomear ás persoas representantes do movemento asociativo no Consello Deportivo Municipal. Á reunión asistiron delegados/as de 41 entidades. Das 16 candidaturas formalizadas foron elixidas as presentadas polas seguintes entidades:

  • Club de salvamento e socorrismo Carballo (Sysca)
  • Escola Lubiáns de hóckey a patíns
  • Club Ciclista Carballo
  • Escolas Balonmán Xiria         
  • Sociedade Deportiva Sofán
  • Asociación de nais e pais de alumnos A Granxa do CEIP Bergantiños

O concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, agradeceu e valorou de xeito moi positivo a participación das entidades así como a representación resultante do proceso pola diversidade en canto á tipoloxía de modalidades deportivas e ao tipo de equipamentos públicos utilizados para o seu desenvolvemento.

Proximamente será convocada a sesión constitutiva do Consello Deportivo Municipal, que se celebrará no mes de febreiro e na que xa se presentará por parte da Concellaría de Deportes a proposta de varias liñas de traballo.

Consello Escolar Municipal

Esta semana tamén se reuniu a xunta electoral do Consello Escolar Municipal, integrada por representantes das familias, do profesorado e do alumnado. Participaron tamén a concelleira de Educación, Mar Eirís, en calidade de vicepresidenta, e María Jesús Trastoy, como secretaria.

Na sesión deuse conta do nomeamento de seis representantes por parte da Federación de ANPAS, así como do concelleiro Rubén Lorenzo Gómez, como representante do grupo maioritario da oposición. Por parte dos centros de ensino formarán parte do consello as directoras do CRA Ponte da Pedra, Teresa Rodríguez, e o CEIP A Cristina, Patricia Rodríguez, e polo tecido asociativo figurará Gustavo Álvarez, da Agrupación Deportiva Fogar da Xuventude. Non se presentou ningunha candidatura por parte do alumnado e tamén están pendentes os nomeamentos por parte da Consellería de Educación, dos movementos de renovación pedagóxica e dos sindicatos, estes últimos pendentes de que a Xefatura Territorial informe sobre os resultados das eleccións sindicais para poder tramitar a solicitude correspondente e continuar co proceso de constitución do Consello Escolar Municipal.

Compartir: