Inicio Carballo ao día Avisos Adxudicación da concesión de nichos...

Adxudicación da concesión de nichos no cemiterio municipal de Carballo. Apertura de prazo de solicitudes de nichos e columbarios

Martes 26 de marzo do 2024

A Xunta de Goberno Local, en sesión de data 12/04/2021, aprobou o expediente de contratación do contrato de obras que ten por obxecto a execución das obras ás que se refire o proxecto técnico “Ampliación do Cemiterio Municipal, Fase 1ª”, redactado en decembro de 2020. A execución das obras, previa sinatura dos nomeamentos de asistencia técnica e contrato de obras (OBR 04/2021 e SUM 01/2023), está a punto de concluír.

O Concello de Carballo non realizaba adxudicacións masivas de concesións de nichos dende o ano 2002, o que levou a que, dende o ano 2003, máis de trescentas persoas e familias teñan formalizado a súa solicitude para obter sepulturas no cemiterio municipal, sen que esta demanda puidese ser atendida máis que nos casos de necesidade, por falecementos ou traslados de restos.

O Concello de Carballo, pois, ten de regular un procedemento para a adxudicación das concesións de novas sepulturas, atendendo á demanda preexistente así como ás novas solicitudes que poidan formularse.

O día 07/03/2024 publicouse no Boletín Oficial da Provincia a aprobación definitiva da modificación da Ordenanza fiscal número 15, que regula as taxas do cemiterio municipal, e que establece como cota tributaria para a concesión de nichos nas fases do cemiterio executadas no ano 2021 e seguintes un prezo de 920,00 € por cada nicho e de 360,00 € por cada columbario.

De acordo con todo o anterior, RESOLVO:

Primeiro.- Establecer un prazo de solicitudes de nichos no cemiterio municipal para este proceso de adxudicación, comprendido entre a data de publicación desta resolución no Boletín Oficial da Provincia e o 30/04/2024, solicitudes que se dirixirán ao Concello de Carballo e se formalizarán, preferentemente, no modelo que se facilitará nas dependencias municipais e que se fará accesible na publicación realizada na páxina web, por calquera das vías previstas na Lei 39/2015, do 01 de outubro, do procedemento administrativo común.

Segundo.- Aprobar a listaxe de solicitudes previas de nichos, que se acompaña como Anexo I a esta resolución, listaxe que poderá ser recorrida no prazo de un mes dende a publicación desta resolución, coa documentación acreditativa oportuna, e que terá o valor establecido no apartado terceiro desta resolución. De non formularse alegacións a esta listaxe, entenderase definitiva para os efectos previstos.

Terceiro.- A resolución que determine a concesión de nichos no cemiterio municipal realizarase de acordo cos seguintes principios:

Un) O criterio de adxudicación primeiro será a orde de solicitude. Para os presentes efectos, consideraranse válidas todas as solicitudes formuladas no período comprendido no apartado resolutivo primeiro, pero a aquelas persoas que xa solicitasen sepulturas con anterioridade a este proceso (de acordo coa listaxe de solicitudes previas contemplada no Anexo I) computaráselles como data de solicitude a da solicitude aí reflectida, e esa listaxe servirá de orde de prelación para a adxudicación.

Dous) As persoas que figuran no anexo I deberán, en todo caso, solicitar unidades de enterramento dentro do prazo establecido, xa que, de non formular esta solicitude, entenderanse decaídas na súa petición. O modelo de solicitude que se estableza comprenderá un apartado para indicar os datos correspondentes á solicitude orixinaria, que a persoa solicitante deberá completar ou, no seu defecto, será completada polo persoal municipal.

Tres) Aquelas solicitudes previas que fosen formuladas por persoas xa falecidas poderán ser apeladas por quen ostente a herdanza lexítima, seguindo a liña natural e o grao de parentesco máis próximo. Nesta situación, a solicitude acompañarase de documentación acreditativa suficiente (renuncia do resto da comunidade hereditaria, testamento, ou calquera outra xustificación válida) para alegar esa sucesión na solicitude.

Catro) Aquelas persoas que teñen solicitado sepulturas con carácter previo, figurando no Anexo I desta resolución, poderán indicar na súa solicitude unha petición menor de nichos ou columbarios, pero nunca maior, de cara a garantir unha maior redistribución das sepulturas existentes e unha maior satisfacción da demanda. A petición que se terá en conta para a resolución será, en todo caso, a formulada dentro do prazo establecido nesta resolución. Se na nova solicitude se formulase unha petición maior de unidades de enterramento, considerarase para todos os efectos nova solicitude, perdendo a persoa solicitante os dereitos correspondentes á anterior orde de prelación.

Cinco) Aquelas solicitudes que non sexan atendidas, por superar a oferta de unidades de enterramento dispoñibles, pasarán a conformar unha listaxe de agarda que se publicará e que se tomará en consideración nos sucesivos procesos de adxudicación.

Cuarto.- Publicar esta resolución no Boletín Oficial da Provincial e no Taboleiro de Edictos, así como na páxina web municipal, para xeral coñecemento.

Ligazóns

Descargas

Compartir: