Inicio Carballo ao día Novas Aberto do 20 de maio ao 22 de xullo o...

Aberto do 20 de maio ao 22 de xullo o período voluntario para o pago dos recibos de lixo, vehículos, vaos e venda ambulante

Aberto do 20 de maio ao 22 de xullo o período voluntario para o pago dos recibos de lixo, vehículos, vaos e venda ambulante

Mércores 15 de maio do 2024

O Concello de Carballo inicia a habitual campaña informativa sobre os tributos correspondentes ao primeiro período voluntario do 2024: imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), taxa polo servizo de recollida de lixo na modalidade de vivenda e taxa pola reserva de espazo para vaos. Este ano o Concello de Carballo pon ao cobro un total de 45.547 recibos

  1. Taxa pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de lixo e residuos sólidos urbanos, na súa modalidade de vivenda. Importe total do padrón: 1.100.902,92 € (18.474 recibos).
  2. Taxa pola reserva de estacionamentos en vía pública para parada de buses, carga e descarga e vados permanentes. Importe total do padrón: 108.077,00 € (929 recibos).
  3. Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica. Importe total do padrón: 1.568.090,34 € (26.111 recibos).
  4. Taxa pola venda ambulante na Praza do Concello nas feiras e mercados: 33.401,09 € (33 recibos).

Formas de pago

O período voluntario de cobranza estará aberto desde o 20 de maio ata o 22 de xullo. A partires deste exercicio, os recibos non poderán ser aboados nas oficinas da recadación municipal, polo cal se ten ampliado o servizo de cobro ás entidades bancarias con maior implantación a nivel autonómico.

Durante o devandito período, as persoas contribuíntes poderán realizar o pagamento dos seguintes xeitos:

  • Nas oficinas bancarias e nos caixeiros das entidades ABANCA, CAIXABANK, BANCO SANTANDER e BBVA, utilizando o documento que remitirá o Concello por vía postal aos domicilios fiscais declarados polos contribuíntes.
  • A través da banca móbil/electrónica de ditas entidades, co código de barras e a referencia que constan no documento de pagamento que remitirá o Concello por vía postal aos domicilios fiscais declarados polos contribuíntes.
  • Na pasarela de pagos da web www.carballo.gal, dentro do apartado Centro de Atención Cidadá, apartado “Sede Electrónica”, apartado “Outros servizos”, logo “Pago de tributos on-line”, onde poderá realizar o pagamento co código de barras incluído no recibo mediante tarxeta bancaria.

Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do día 21 de xuño do 2024. As persoas que o desexen aínda están a tempo de domiciliar os seus recibos ata o día 19 de xuño do 2024, presentado a orde correspondente no servizo municipal de recadación. Neste caso, os/as contribuíntes recibirán unha carta informativa no seu domicilio fiscal na que se lle relacionan os recibos dos que ten emitido orde de domiciliación, a cargar nas contas correntes no seu día facilitadas a partires do día 21 de xuño do 2024, para o que se remitirán 9.478 cartas por correo postal.

Os recibos non domiciliados serán remitidos aos domicilios fiscais. A tal efecto, o Concello remitirá por correo postal 16.574 cartas cos recibos de pago ao domicilio fiscal declarado por cada suxeito pasivo. O documento é necesario para se poder dirixir a realizar o pagamento ás Oficinas Bancarias ou a través de medios electrónicos. Os interesados que non o teñan recibido, poderán dirixirse á Recadación Municipal para obter o documento de pagamento, ou ben para solicitar a división das cartas de pagamento agrupado. Polo momento están habilitadas as oficinas provisionais sitas en R/Camiño Novo, 7, entreplanta galerías comerciais, á espera do acondicionamento da nova sede do servizo no edificio do mercado municipal. O horario de atención ao público é de 08:30 a 14:00, de luns a venres (Tlf. 981704278, correo: recadacion@carballo.gal).

Compartir: