Inicio Carballo ao día Novas O pontecesán Adrián Varela...

O pontecesán Adrián Varela gaña o concurso do cartel de San Xoán cunha proposta que pon en valor a identidade da nosa festa

Mércores 22 de maio do 2024 Cultura

Adrián Varela Bermúdez (O Couto-Ponteceso, 1982) é o gañador do concurso do cartel das festas do San Xoán. A súa proposta representa, como el mesmo di, “a tradición” e pon en valor a identidade e as raíces da nosa festa a través de elementos como o lume, as sardiñas, a música tradicional e, como non, a xente. “Somos  unha potencia e non podemos perder a nosa identidade”, engade.

Adrián Varela, ou Adrián do Gharelo, como é coñecido na súa aldea do Couto, é técnico de Artes Gráficas e Deseño, e está moi vinculado desde neno ao forte movemento asociativo e cultural da súa parroquia. O seu cartel está dominado polas cores laranxa e vermella, que, desde o seu punto de vista, “marcan unha filosofía neste evento”, e aprécianse as influencias que o acompañan desde neno, como Luis Seoane.

O xurado, integrado pola comisión de festas, tivo que escoller entre numerosas propostas chegadas desde toda Galicia e mesmo desde outros puntos do territorio nacional. Adrián Varela recibirá un premio de 500 euros, patrocinado, un ano máis, por Opticalia Enríquez. A entrega realizarase coincidindo coa presentación oficial do programa das festas, do que iremos coñecendo algúns detalles nos vindeiros días.

Compartir: