Inicio Carballo ao día Novas Concello e movemento asociativo colaboran no...

DO 24 DE MAIO AO 8 DE XUÑO

Concello e movemento asociativo colaboran no programa de actividades “Primavera en Baldaio”

Regueifa, música, cine, xogos, charlas e rutas integran unha proposta que se levará a cabo nos centros sociais de Lema e Imende

Mércores 22 de maio do 2024 Participación veciñal

Grazas á colaboración entre o Concello de Carballo e o movemento asociativo nace Primavera en Baldaio, un variado programa de actividades para todos os públicos que nesta primeira edición repartirase entre os centros sociais de Imende (Noicela) e Lema, pero que xorde con intención de ter continuidade e de estreitar lazos entre a veciñanza das diferentes parroquias do noso concello.

Primavera en Baldaio conta co apoio e a participación da Asociación Cultural Ría de Lema, o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos, a comisión de festas de Noicela, o CEIP Nétoma-Razo e a Asociación Ambiental Senda Nova. E ademais implica a distintos departamentos municipais, que achegan as diferentes actividades que se levarán a cabo desde o 24 de maio ata o 8 de xuño.

PROGRAMA

Venres 24 de maio. A Escola de Regueifa impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística celebra unha das súas sesións no centro social de Lema. Será unha sesión moi especial, porque contaremos coa visita dos Regueifeiros de Razo, do CEIP Nétoma-Razo, gañadores do Premio á Regueifa Mellor Cantada na categoría escolar do último Enreguéifate. O espectáculo comezará ás 19.30 horas, e a entrada é libre e de balde.

Domingo 26 de maio. A Primavera en Ruta da Asociación Ambiental Senda Nova despídese por este ano co itinerario dos Camiños de Caión, que discorre en boa parte pola costa carballesa. Trátase dun percorrido de 14 quilómetros e dificultade baixa, e para facilitar a participación da veciñanza da zona haberá un autobús que recollerá ás persoas interesadas ás 09.50 horas na praza do Rapadoiro e desde alí viaxarán ata o punto de partida da andaina. Nesta actividade é imprescindible anotarse, e pode facerse ben na base de Protección Civil de Carballo (981 704 048, de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas) ou no Espazo da Natureza de Oza (mércores, xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas). A cota de participación de é 8 euros para as persoas adultas e de 6 para os/as nenos/as. Máis información nesta ligazón.

Xoves 30 de maio. O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo despide as actuacións do ciclo CMUS en Ruta no centro social de Imende cunha actuación do conxunto de vento metal. O concerto, aberto a toda a veciñanza, comezará ás 19.00 horas.

Venres 31 de maio. A Concellaría de Normalización Lingüística leva ata o centro social de Lema o programa Apego cun obradoiro de xogos e cantigas en galego para familias con nenos e nenas de 0 a 8 anos. A actividade é de balde pero precísase inscrición previa no número de teléfono 676 531 473. O obradoiro desenvolverase de 17.00 a 18.00 horas.

Mércores 5 de xuño. Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, ademais de todas as actividades que se van celebrar en Carballo coa colaboración dos centros de ensino e as familias, no centro social de Imende celebrarase unha charla sobre a avespa velutina, impartida polo persoal do servizo municipal de control de pragas, que depende da Concellaría de Medio Ambiente e Servizos. A actividade, aberta a todo o público interesado, comezará ás 19.00 horas.

Sábado 8 de xuño. O programa Primavera en Baldaio rematará con cine. Grazas á colaboración da Asociación Ambiental Senda Nova proxectarase no centro social de Imende o documental Hoxe quen baila?, baseado nas Historias de Inverno da asociación. A súa presidenta, Eva Cameán, presentará o acto, que comezará ás 20.30 horas.

Quedades convidados/as!

Compartir: