Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aproba novos...

A corporación municipal aproba novos investimentos por importe de 3,7 millóns de euros coa abstención da oposición

O BNG apoiou a moción do PSOE para solicitar á Xunta de Galicia a colocación dunha pasarela peonil na zona da Ponte e o PP abstívose

Martes 28 de maio do 2024

A corporación municipal aprobou na sesión ordinaria de maio unha nova proposta para seguir mellorando os servizos públicos cunha achega de 3.738.987,46 euros procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais. O acordo foi adoptado coas abstencións dos seis concelleiros e concelleiras da oposición presentes no pleno, xa que no grupo popular houbo dúas ausencias: Isabel Cotelo e Isidro Varela.

Practicamente a metade da cifra total destinarase a suplementar partidas xa existentes, en concreto para a mellora da accesibilidade na zona urbana, urbanismo táctico, equipamento para Protección Civil, reurbanización das rúas Andorra e Reus, maquinaria para a brigada municipal de obras, urbanización da vía de acceso ao novo centro social de Xoane (Goiáns), adquisición de papeleiras, campañas de difusión e sensibilización medioambiental, estudos e traballos técnicos, investimentos no cemiterio municipal, mantemento de parques e xardíns, certificación e mellora de parques infantís, renovación do valado de madeira das praias de Razo e Pedra do Sal, melloras nas instalacións da Udiaf, mantemento de colexios, actividades de animación á lectura, equipamento de edificios, salubridade pública, equipamento dos centros sociais, gastos en actividades festivas, investimentos en instalacións deportivas, apertura da vía de enlace do polígono de Bértoa coa rotonda da estrada de Razo, estudos e traballos técnicos, reforma de edificios municipais ou actividades protocolarias. En total, 1.892.018,96 euros.

Os outros 1.846.968,50 euros van destinados a novas actuacións que non estaban previstas no orzamento municipal, como a adquisición dun vehículo para Protección Civil, a instalación de mobiliario no cemiterio municipal, a adquisición de vehículos para as praias, unha pequena reforma no edificio da biblioteca da rúa San Xoán, mobiliario e reforma de edificios culturais, nova cuberta para o Pazo da Cultura, investimentos en edificios municipais e reforma integral de tres parques infantís.

De feito, os proxectos relativos á mellora de rede de parques infantil supoñen un 44% do investimento total. A incorporación do remanente permitirá acometer actuacións integrais nos parques urbanos do Rego da Balsa e a Praza do Outeiro, así como ampliar o parque do Chorís e renovar e certificar todos os parques das parroquias.

Outros acordos

A proposta relativa á investigación sobre un camiño situado na Pedra do Sal (Lema) saíu adiante cos votos a favor do BNG e o PSOE, mentres que o PP abstívose.

O único acordo unánime foi o referente ao cambio do sistema de desenvolvemento do polígono do PXOM SUNC UU-R6, que se corresponde coa zona comprendida entre a Biblioteca Rego da Balsa e a avenida Ponte da Pedra, e que pasará de compensación a cooperación, tomando a iniciativa o Concello de Carballo para poder completar a urbanización dese ámbito.

O último asunto de debate foi a moción presentada polo PSOE para instar a Augas de Galicia, como organismo responsable das obras que se están a levar a cabo, a colocar unha pasarela peonil sobre o río Anllóns na zona da Ponte, coa finalidade de facilitar a comunicación entre as dúas ribeiras e evitar os problemas actuais, especialmente para o comercio. O BNG votou a favor e o PP abstívose.

A sesión rematou pouco despois das 22.00 horas coa información habitual de período medio de pago de facturas, que se situou en 33,51 días de media no primeiro trimestre; resolucións da alcaldía e acordos da Xunta de Goberno Local. Non houbo rogos nin preguntas por parte dos grupos da oposición.

Compartir: