Inicio Carballo ao día Novas As árbores serán as grandes...

As árbores serán as grandes protagonistas dos actos do Día Mundial do Medio Ambiente en Carballo

A programación do Concello de Carballo inclúe tamén unhas xornadas de formación sobre a lei de benestar animal e unha charla sobre a avespa velutina

Sábado 1 de xuño do 2024

As árbores van ser as grandes protagonistas dos actos que temos programados para o Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano será moi especial.

O 5 de xuño reuniremos na Praza do Concello a algo máis de 700 nenos e nenas de todos os colexios públicos de infantil e primaria do noso concello, e tamén do Canosa-Rus, cuxo alumnado é carballés na práctica totalidade, para homenaxear ás noventa árbores que conforman o noso xardín con abrazos de cores. Non imos desvelar en que consistirá a actividade, pero si vos diremos que a rapazada vai traballar moito durante o luns e o martes para levar a cabo na praza a súa propia versión do Rexenera Fest. Ese traballo será recompensado coa actuación de Peter Punk e Brais das Hortas, que lles ofrecerán o seu Concerto punkinfantil.

Ese mesmo día pola tarde sairemos de ruta en familia polo Parque do Anllóns. As familias que queiran participar realizarán unha visita guiada pola paisaxista Carmen Alonso, que lles explicará as características e as curiosidades de algunhas das numerosas especies de flora que integran ese espazo. Esta iniciativa, que forma parte do programa Medrando con Apego, require inscrición previa a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal. En función da demanda teremos dúas quendas: unha ás 17.00 horas e outra ás 18.30.

O xinkgo biloba foi un agasallo de LIsle Jourdain a Carballo

O xinkgo biloba foi un agasallo de LIsle Jourdain a Carballo

E para pechar a xornada teremos outra actividade moi especial, porque plantaremos no xardín da Praza do Concello o exemplar de xinkgo biloba que o alcalde de L’Isle Jourdain lle entregou ao de Carballo con motivo dos actos de celebración do 30º aniversario da irmandande entre ámbolos dous pobos. No acto, previsto para as 19.00 horas e aberto a toda a cidadanía, intervirán Ana Cancela, presidenta do Comité de irmandamento de Carballo con L’Isle Jourdain, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Benestar animal e avespa velutina

Pero a programación do Día Mundial do Medio Ambiente en Carballo comezará xa este luns co curso sobre Aplicación da Lei 7/2023 de protección dos dereitos e benestar dos animais na administración local, dirixido a traballadores/AS dos servizos municipais que se enfrontan con maior frecuencia a situacións relacionadas coa materia (Policía Local, Medio Ambiente, Protección Civil ou Secretaría). En total participarán unha trintena de persoas.

A aprobación da Lei 7/2023 de Protección e dereitos dos animais aprobada o 28 de marzo e con entrada en vigor o pasado mes de setembro de 2023 regula por primeira vez no estado español unha serie de conceptos que unifican e harmonizan distintos aspectos existentes en normas vixentes, co obxectivo de proporcionar unha mellor aplicación e seguridade xurídica.

A maior sensibilidade da poboación cara o benestar dos animais está a incrementar o número de denuncias e chamadas que reciben os servizos de Policía Local, Medio Ambiente e Protección Civil do concello de casos de abandono e/ou maltrato de animais, polo que se cree convinte levar a cabo un curso formativo que permita coñecer en maior detalle a devandita Lei 7/2023 e as novidades que introduce con respecto da Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia.

O curso desenvolverase de xeito presencial os días 3 e 4, no auditorio do Fórum Carballo, e será impartido por Irene Torres, xurista especializada en dereito dos animais, docente en múltiples cursos en materia de protección animal e experta de INTERcids, Operadores xurídicos polos animais, e Anna Mulá Arribas, avogada especialista en dereito ambiental e en dereito e animais, asesora legal de la APDDA (Asociación Parlamentaria en Defensa dos Dereitos dos Animais) e vicepresidenta de INTERcids.

Dentro das accións formativas programadas arredor do Día Mundial do Medio Ambiente tamén incluímos unha xornada sobre a avespa velutina, unha especie invasora que nos últimos anos tense convertido nunha seria ameaza para a produción de abellas pero tamén nun problema social. O encargado do servizo municipal de control de pragas, Isidro Varela, explicará como combatela nunha charla aberta a toda a veciñanza que se celebrará no centro social de Imende (Noicela) o mércores 5 a partir das 19.00 horas.

As actividades do Día Mundial do Medio Ambiente en Carballo son promovidas pola Concellaría de Medio Ambiente xunto coas de Normalización Lingüística, Participación Veciñal, Seguridade e Cultura, e contan ademais coa colaboración de Gestagua e Dixardín.

Compartir: