Inicio Carballo ao día Novas Xubilación do axente da Policía...

Xubilación do axente da Policía Local Antonio Santiago Periscal Otero tras 38 anos de servizo en Carballo

Luns 3 de xuño do 2024

Este luns fíxose efectiva a xubilación do axente da Policía Local Antonio Santiago Periscal Otero despois de 38 anos de servizo en Carballo. No acto, ao que acudiu cunha camiseta coa frase “Marcho que teño que marchar”, acompañárono moitos dos seus compañeiros e compañeiras da Administración local, aínda que foron especialmente numerosas as representacións da Policía Local e do departamento de Servizos Sociais, no que estivo destinado nos últimos tempos.

O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, agradeceulle os servizos prestados e as boas relacións que estableceu durante su etapa de funcionario, como demostrou o amplo respaldo recibido hoxe, aspectos nos que tamén incidiu o alcalde. Evencio Ferrero fíxolle entrega dun agasallo no nome da Policía Local e do xa tradicional carballo de Sargadelos dedicado.

A xubilación de Antonio Santiago Periscal Otero supón un paso máis no proceso de renovación da Policía Local de Carballo, na que se rexistraron cinco xubilacións o ano pasado. De xeito paralelo estanse a producir incorporacións, seis en total entre o ano 2023 e o que levamos do 2024.

Compartir: