Inicio Carballo ao día Novas En marcha os traballos previos á...

En marcha os traballos previos á demolición das antigas casas dos mestres

Mércores 10 de xullo do 2024

A demolición das antigas casas dos mestres está un pouco máis próxima. Esta semana están traballando no recinto operarios da empresa Elecnor para proceder á retirada do cableado eléctrico e do centro de transformación situado na parcela, que está previsto substituír por un soterrado. Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e as concelleiras Mar Eirís, de Educación e Terceira Idade, e Ángeles Pacoret, de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística.

Despois de Elecnor será a quenda de Telefónica, que tamén debe retirar o tendido telefónico para que a empresa adxudicataria dos traballos de derrubo, Excavaciones J. Carreira, poida deixar libre o espazo, no que se construirá un edificio para as entidades sociais e unha praza pública.

Para chegar ata aquí lévase percorrido un longo camiño, que arrincou no ano 2022 coa aprobación do Plan especial de reforma interior (PERI) das antigas Casas dos Mestres, previsto no PXOM e un documento imprescindible para poder acometer a construción do edificio, xa que permitiu reordenar a estrutura urbanística e os volumes edificatorios dese ámbito, cambiando o uso residencial que tivo no seu momento polo actual uso dotacional de equipamento múltiple.

A finais do ano pasado contratáronse as obras de demolición, valoradas en 191.956,86 euros, 27.861,06 deles para a xestión dos residuos xerados durante a demolición. O bloque das antigas vivendas dos mestres ten un total de 2.648,70 metros cadrados construídos. A memoria técnica alude ao mal estado das edificacións, con “multitude de patoloxías” que as fan inservibles.

A necesidade de retirar os tendidos eléctrico e telefónico, e de contar, polo tanto, coa colaboración das empresas responsables dos mesmos, demorou ata agora o inicio dos traballos. Unha vez eliminados eses obstáculos poderá empezar a actuar a empresa de demolición, que deberá realizar as obras nun prazo de tres meses.

Mentres tanto, desde o Concello de Carballo estase a traballar de cara á elaboración do proxecto do edificio social, no que se terán en conta as necesidades trasladadas polas entidades que o ocuparán. A parcela das antigas casas dos mestres, que ten unha superficie de 2.575 metros cadrados, tamén acollerá unha praza pública.

Compartir: