Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro de Transfusión pide a...

CAMPAÑAS DE DOAZÓN

O Centro de Transfusión pide a colaboración dos mozos carballeses

Luns 12 de setembro do 2005

Dende o Centro de Transfusión de Galicia explicaron que, a pesar das campañas que se están a desenvolver, o nivel de doazón de sangue en Galicia é moi escaso. "O ano pasado houbo 123.883 doazóns e son necesarias 125.000 anuais para cubrir todas as necesidades", explicaron os responsables do Centro.

Insistiron en que doar sangue é un acto "voluntario pero tamén necesario, posto que hai milleiros de persoas nos hospitais, que cada día precisan un compoñente do sangue para poder solucionar un problema de saúde". Por exemplo, para realizar un trasplante precísase a doazón de entre 30 e 40 persoas.

Os responsables do Centro de Transfusión indicaron tamén que o sangue de cada doazón se somete a un proceso de separación dos seus compoñentes, no que se obteñen glóbulos vermellos, plaquetas e plasma sanguíneo. Isto débese a que, polo xeral, cada enfermo precisa só un destes tres compoñentes. Deste xeito, cada doazón pode beneficiar como mínimo a tres enfermos diferentes.

Compoñentes
Os glóbulos vermellos necesítanse nas intervencións cirúrxicas e nos transplantes de órganos, o plasma sanguíneo contén proteínas que se usan para tratar enfermidades crónicas, e os pacientes de cancro ou leucemias adoitan precisar transfusións de plaquetas obtidas en seis ou oito doazóns e, ás veces, durante varios días seguidos. "Por todo isto precisamos conseguir todos os días 400 doazóns de sangue, para poder así cubrir todas as necesidades tanto de rutina como de calquera urxencia".

No encontro insistiuse en que os requisitos para poder doar son "moi sinxelos" - ter entre 18 e 65 anos, pesar máis de 50 kg e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue - e, pola contra, as posibilidades que ten cada persoa de precisar unha transfusión de sangue nalgún momento da súa vida son moi amplas. Despois da charla, celebrada o venres 9 de setembro, os alumnos tiveron a oportunidade de ir doar sangue na unidade móbil que se desprazou ata a Avenida da Cristina.

Compartir: