Inicio Carballo ao día Novas Comeza a reordenación da zona verde do...

Comeza a reordenación da zona verde do Parque do Anllóns, que se converterá nun exemplo de xeroxardinería

A actuación obrigará a retirar provisionalmente parte do mobiliario urbano e a pechar o paseo do río, polo que se habilitará un desvío provisional

Xoves 5 de setembro do 2024

A Concellaría de Medio Ambiente quere converter o Parque do Anllóns nun exemplo de xeroxardinería, un concepto en alza que se basea na utilización de plantas autóctonas ou apropiadas ao clima local, con gran valor ornamental e baixo consumo de auga, para conseguir xardíns máis sustentables.

Coa finalidade de garantir a seguridade das persoas usuarias do parque, a zona afectada polas obras quedará pechada a partir deste venres 6 de setembro e ademais será preciso retirar tanto luminarias como mobiliario urbano para evitar que resulten danados. Tamén se habilitará un desvío peonil, xa que o paseo quedará cortado nese treito.

O proxecto permitirá solucionar os problemas actuais do parque. Segundo o informe técnico elaborado para determinar o estado das zonas verdes e as medidas necesarias para melloralo, as masas arbustivas “presentan un estado tanto morfolóxico como fisiolóxico cun alto grao de deterioro” e existen varios exemplares de Populus (chopos) “de gran envergadura, que supoñen un risco para os usuarios do parque, debido á súa tendencia fisiolóxica á perda de pólas, tanto no verán coma no inverno”. De feito, na zona Leste do río, os chopos xa foron eliminados hai dous anos e substituídos por outras especies máis axeitadas para un parque urbano, e agora farase o mesmo, xa que a caída de pólas é frecuente e en varias ocasións houbo que pechar xa esa zona do parque para evitar accidentes.

Traballos de tala

Tala de chopos realizada hai dous anos noutra zona do parque

Tala de chopos realizada hai dous anos noutra zona do parque

O luns comezará a tala das árbores en mal estado, para o cal será preciso contar con escaladores especializados e, nalgúns casos, con auto-grúa. Os chopos, tal como indican os informes técnicos, son unha especie “de gran envergadura, rápido crecemento e pouco lonxevos, que, debido ao propio proceso de envellecemento, perden as características polas que foron plantados, e entrañan numerosos problemas na idade adulta”. Precisamente polas súas particularidades, especialmente pola gran fraxilidade das pólas e o risco que iso supón para as persoas, os Populus non se consideran axeitados para convivir nas rúas e parques urbanos.

En total será preciso talar unha vintena de chopos, pero no seu lugar plantaranse 36 árbores novas doutras especies máis axeitadas, coma carballos, bidueiros brancos, loureiros, ginkgo biloba... Tamén está previsto repoñer 150 metros cadrados de arbustos, incorporar 45 plantas de hortensia e sementar 8.200 metros cadrados de céspede.

No informe técnico destácase que esta actuación contribuirá á “humanización” do espazo, “aportando toques de cor con macizos, parterres e platabandas de especies arbustivas, vivaces e plantas anuais que iluminen o parque, e que van a garantir nas catro estacións cambios estéticos da paisaxe, axudados pola vexetación caduca existente, co potencial das súas follas de virar a tonalidades ocres no outono”.

Outro dos problemas dos chopos é que as súas raíces son “moi invasivas”, como explican desde o servizo municipal de xardíns, polo que no proxecto tamén se inclúe o arranxo das zonas de paseo afectadas. A instalación dun sistema de rega automática completará a actuación, que supón un investimento de 135.000 euros e permite seguir avanzando no plan de mellora das zonas verdes iniciado hai xa catro anos. O proxecto desenvolverase na zona Oeste do Parque do Anllóns, que, xunto coa obra de prevención do risco de inundación que ten en marcha Augas de Galicia e outras melloras que ten previsto acometer o Concello de Carballo, experimentará unha importante transformación.

Compartir: