Inicio Carballo ao día Novas A escola infantil As Landras celebra o seu...

A escola infantil As Landras celebra o seu 20º aniversario

Foi a primeira escola infantil promovida polo Concello de Carballo, que tamén asumiu no 2012 a construción da EI A Braña

Venres 6 de setembro do 2024 Benestar

O 6 de setembro do 2004 abriu as súas portas a escola infantil As Landras, a primeira de iniciativa pública do noso concello. Vinte anos despois, a escola celebrou este aniversario tan especial cun encontro de familias, que asistiron ao espectáculo Danzando co outono, de Laura Martínez Rey, organizado pola Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade. A súa titular, Maica Ures, asistiu á celebración xunto coa concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez.

Na escola infantil As Landras están matriculados para este curso 44 nenos e nenas de 0 a 3 anos, e hai 12 en listaxe de agarda, tal como figura nas listaxes publicadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Na outra escola infantil promovida polo Concello de Carballo, A Braña, que leva xa 12 anos en funcionamento, hai 90 nenos e nenas matriculados e 20 en listaxe de agarda.

As dúas escolas infantís públicas do noso concello están integradas na rede autonómica Galiña Azul, aínda que con distintos réximes de funcionamento. Así, nas Landras, o Concello de Carballo aporta cada ano 900 euros por cada neno/a e ademais asume os gatos de limpeza e mantemento. Na Braña, estes gastos son asumidos polo consorcio pero a achega municipal increméntase ata os 1.500 euros por cada praza.

Compartir: