Inicio Carballo ao día Novas O alcalde e a subdelegada do Goberno visitaron as...

O alcalde e a subdelegada do Goberno visitaron as novas instalacións para a atención a vítimas de violencia de xénero no cuartel da Garda Civil

O Concello de Carballo acondicionou un recunchiño de lectura para os menores que acompañan ás súas nais

Luns 9 de setembro do 2024 Benestar

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, achegáronse hoxe ata o cuartel da Garda Civil para coñecer as novas instalacións destinadas á atención ás vítimas de violencia de xénero. Alcalde e subdelegada destacaron a importancia da colaboración institucional para mellorar a prestación dos servizos á cidadanía, especialmente en momentos tan delicados e dolorosos como o de tramitar unha denuncia por violencia machista.

Ademais de contar cunhas oficinas renovadas, accesibles e cómodas, o Concello de Carballo colaborou na mellora do servizo coa instalación dun recunchiño de lectura similar ao que puxemos en marcha no mes de maio no centro de saúde. Grazas á creación deste novo espazo, que conta con libros e xogos para diferentes idades, os menores que acoden coas súas nais ao cuartel dispoñen dunha sala independente na que poden estar atendidos e entretidos mentres as mulleres tramitan a denuncia.

A concelleira de Arquivos, Biblioteca e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, que tamén participou na visita, explicou que a creación do recunchiño de lectura é froito da colaboración entre a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, que detectou a necesidade; da Concellaría de Obras, que se encargou de acondicionar o espazo, e do seu propio departamento, que se ocupou de dotar o espazo de contido axeitado aos nenos e nenas.

Compartir: