Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno aproba a convocatoria dunha...

A Xunta de Goberno aproba a convocatoria dunha liña de axudas ás familias para facilitar a conciliación

O Concello de Carballo contribuirá a financiar ata o 100% das actividades de conciliación tanto durante o verán coma ao longo do curso escolar

Luns 9 de setembro do 2024 Benestar

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a convocatoria dunha nova liña de axudas para promover a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, así como para facilitar a corresponsabilidade dos membros da unidade familiar. Deste xeito, desde a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade preténdese dar cobertura ás necesidades de conciliación das familias con nenos/as de 3 a 12 anos ao cargo, ou ata os 16 anos cando os/as menores teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

As axudas consistirán no reembolso do gasto realizado entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano en servizos de conciliación, sempre que non exista un recurso público que poida dar resposta ás necesidades das familias, e serán compatibles con outras subvencións sempre que a suma non supere o 100% do gasto realizado.

O Concello de Carballo convocará, nese sentido, dúas liñas de subvención: unha destinada a sufragar os gastos dos campamentos de verán e outra para as actividades de conciliación durante o curso escolar, en concreto o coidado e transporte por parte de empresas privadas para os/as alumnos/as de centros que non teñan instaurado o programa Concilia, servizo de comedor cando exista incompatibilidade horaria dos proxenitores e non se dispoña de praza no comedor escolar, e actividades extraescolares fóra do colexio sempre e cando non exista oferta por parte da ANPA.

As axudas van destinadas a familias empadroadas no noso concello cunha antigüidade mínima dun ano e cuxos ingresos anuais non excedan o establecido nas bases da convocatoria. Para a valoración teranse en conta criterios económicos, laborais, sociais e sanitarios. O importe das achegas non superará os 200 euros para as actividades da liña 1 nin os 500 nas da liña 2. O prazo de solicitude será de 15 días naturais a partir do seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP.

Compartir: