Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo acollerá unha...

O Concello de Carballo acollerá unha xornada de recollida de voces en lingua galega no marco do Proxecto Nós

Será o 8 de novembro, na Aula CeMIT, e todas as persoas que participen recibirán un agasallo pola súa colaboración

Sábado 12 de outubro do 2024 Lingua

O vindeiro 8 de novembro o Concello de Carballo acollerá unha xornada de “captación de voz” en lingua galega, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, no marco do “Proxecto Nós”, que contará coa colaboración do Concello de Carballo.

A recollida de voces realizarase na aula de informática (Aula CEMIT) situada no Pazo da Cultura (rúa do Pan s/n) en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h. Todas as persoas que participen recibirán un libro e unha libreta de agasallo pola súa colaboración.

O PROXECTO NÓS

O Proxecto Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.

Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico: cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando queremos traducir un documento, cando lle ditemos a un procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por pór só algúns exemplos.

Para o Secretario Xeral de Lingua, Valentín García: “O Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais. Trátase dun proxecto de país, cunha gran colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega: todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, altruistamente, doan a súa voz a través de www.doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante”

A CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE VOZ

Para conseguir este obxectivo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. No caso do audio precísase ademais unha grande variedade de voces para o correcto adestramento dos algoritmos e tamén a gravación de todas as variedades dialectais que ten o galego para que os dispositivos electrónicos as recoñezan perfectamente, polo que fai falta recoller as voces de milleiros de galegos e galegas e de todas as zonas nas que se empregan variantes dialectais.

Para conseguir esas gravacións en lingua galega o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces online (https://doagalego.nos.gal) e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto a través dunha campaña impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e que, nesta fase, percorrerá 16 Concellos (Xinzo de Lima, Ribeira, Fisterra, Chantada, Tomiño, Ribadeo, O Carballiño, Muros, Ponteareas, Carballo, Tui, Santa Comba, Vilagarcía e a Fonsagrada).

A CAPTACIÓN DE VOCES EN CARBALLO

O Concello de Carballo foi un destes 16 Concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a súa veciñanza.

Nese sentido, o alcalde de Carballo, Envencio Ferrero entende que “é un orgullo que se pensara no noso Concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou convencido de que a veciñanza de Carballo responderá positivamente a esta chamada de colaboración. Por parte do Concello, axudaremos o máximo posible para que a recollida de voces sexa un éxito, na liña do noso compromiso coa lingua galega.”

Pola súa banda a Concelleira Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret sinalou que “desde o Concello queremos facer un chamado a toda a veciñanza de Carballo a que acuda á aula CEMIT a doar a súa voz para colaborar cun proxecto que será moi positivo para todos os galegos e galegas. E fago un chamado especial a todo o asociacionismo municipal: cultural, deportivo, etc. a que se animen e colaboren con esta iniciativa.”

COMO SE DOA A VOZ?

O procedemento é moi simple. Calquera persoa, non importa a idade (as persoas menores de idade que queiran participar deberán ir acompañadas do seus pais/nais ou titor/a) terá que ler unhas breves frases en galego (en bloques de 5) que sairán no monitor do ordenador: https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak.

Esas voces gravadas nunca serán usadas externamente fóra do ámbito do Proxecto Nós para o adestramento dos seus algoritmos.

PARA MÁIS INFORMACIÓN

Podes atopar toda a información relativa a esta campaña en www.doagalego.nos.gal

Compartir: