A Escola Oficial de Idiomas de Carballo fomenta a vida activa entre o alumnado a través do proxecto “Deporte é saúde”
Case medio cento de alumnos e alumnas, ademais do profesorado, participan na experiencia, que inclúe sendeirismo, tiro con arco e vela
Martes 19 de novembro do 2024 Deporte
A Escola Oficial de Idiomas de Carballo dá un paso máis cara a formación integral do alumnado a través do proxecto Deporte é saúde, unha iniciativa que conta co apoio da Consellería de Educación a través do Plan Proxecta e coa que se pretende, fundamentalmente, fomentar hábitos de vida saudables, a vida activa e a práctica deportiva entre os participantes. Ademais do profesorado, que está plenamente implicado, na experiencia participan case medio cento de alumnos e alumnas.
O Plan Proxecta ten como finalidade o fomento da innovación educativa, que neste caso se manifesta a través da introdución do deporte no ámbito académico dunha escola de idiomas, algo moi pouco frecuente, e da promoción de deportes minoritarios como o sendeirismo, o tiro con arco ou a vela.
Aínda que todo o profesorado está implicado, a coordinación do proxecto Deporte é saúde corre a cargo do profesor Javier Tosar, que, ademais, leva conta de cada paso que se dá. O seu caderno de bitácora, xunto coas enquisas que se realizarán periodicamente ás persoas participantes, permitirán avaliar a iniciativa e extraer conclusións que, sen dúbida, serán de gran utilidade para futuras propostas.
Este primeiro trimestre está centrado no sendeirismo. A formación na materia comezou o 10 de outubro cun relatorio de José Manuel Menéndez, da Asociación Ambiental Senda Nova, que puxo sobre a mesa a relación entre esta actividade e a saúde, a natureza e o coñecemento da contorna. Despois da teoría chegou a quenda da práctica, con varias saídas coincidentes co Outono en marcha.
No segundo trimestre haberá un relatorio de Víctor Romero Paradela e Francisco Pérez Sánchez sobre tiro con arco, un deporte ao que seguro que moitos e moitas dos /as participantes se achegarán por primeira vez nas prácticas previstas na galería de tiro da UDC. E xa no terceiro trimestre, coincidindo coa primavera, a vela será protagonista a través dun relatorio de Carlos Perfecto López-Novoa e dunha práctica no Real Club Náutico da Coruña.