Inicio Carballo ao día Novas Carballo, un dos cinco concellos galegos...

Carballo, un dos cinco concellos galegos distinguidos con 4 Flores de Honra polo movemento Vilas en Flor

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, recolleu o galardón nun acto celebrado en Salvaterra de Miño

Martes 19 de novembro do 2024

O concelleiro Miguel Vales recolleu o diploma

O concelleiro Miguel Vales recolleu o diploma

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, participou na gala anual do movemento Vilas en Flor Galicia, celebrada en Salvaterra de Miño. Nesta sétima edición foron galardoados 42 concellos. En total, Galicia suma 94 Flores de Honra en municipios de menos de 40.000 habitantes que mostran o seu compromiso cunha xestión sostible dos espazos verdes e da súa paisaxe. Carballo acadou este ano a máxima distinción.

De feito, unha das principais novidades foi a entrada de Carballo e Salceda de Caselas nun selecto grupo do que ata agora formaban parte unicamente Allariz, Chantada e Tomiño.

Flores de Honra

  • 4 Flores de Honra (5 concellos): Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño
  • 3 Flores de Honra (10): As Somozas, Caldas de Reis, Cambados, Gondomar, Lalín, A Laracha, O Rosal, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, Vilagarcía de Arousa
  • 2 Flores de Honra (17): A Guarda, Abegondo, Arteixo, Coristanco, Cuntis, Leiro, Manzaneda, Marín, Mondariz Balneario, O Carballiño, Oza-Cesuras, Ponteareas, Sada, Sanxenxo, Sarria, Tui, Vimianzo.
  • 1 Flor de Honra (10): A Estrada, A Pobra de Trives, As Neves, Culleredo, Curtis, Mondariz, Mos, Ponteceso, San Xoán de Río, Xinzo de Limia.

“Cada ano vanse sumando máis participantes a este movemento que permite compartir experiencias, xerar sinerxias e avogar por unha mellor xestión do territorio. Neste 2024 foron galardoados dous municipios máis con 4 Flores, o que supón aproximadamente un 12% dos presentados. Esperamos que o ano que vén podamos chegar aos 50 participantes e síganse conseguindo máis galardóns”, valoraba Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, unha da entidades promotoras do Vilas en Flor Galicia. De feito, lembrou Calaza, a maior parte dos 315 concellos galegos poderían participar no programa xa que só as sete grandes cidades superan os 40.000 habitantes.

Que é Vilas en Flor?

Vilas en Flor é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. En Galicia está impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). En España as outras entidades nas que está implantado o movemento son Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia e, a nivel internacional, en Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

Concellos galardoados con 4 Flores de Honra

Concellos galardoados con 4 Flores de Honra

Compartir: