A mocidade carballesa reflexiona sobre “Sempre en Galiza” co gallo do 80º aniversario da súa publicación
A obra de referencia do pensamento político de Castelao centrará un acto aberto a toda a cidadanía que se celebrará o venres 29
Sábado 23 de novembro do 2024 Lingua
_(1).jpg)
No ano 1944 publicouse en Bos Aires Sempre en Galiza, obra de referencia do pensamento político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Con motivo do 80º aniversario daquela data, a Concellaría de Normalización Lingüística convida á veciñanza, nomeadamente á mocidade carballesa, a reflexionar sobre os cambios que se produciron, ou non, desde que o autor escribiu a obra, especialmente en materia de lingua.
A homenaxe Arredor de Sempre en Galiza 80 anos despois reunirá a un grupo moi diverso de mocidade carballesa. Gabriel Rodríguez Colferai, Venancio Serrano Lorenzo, Anxo Carracedo, Carolina Carreira Pacoret, Laura Méndez Rodríguez, Hadrián García Pérez e Ana Vázquez García, que será a moderadora do encontro, realizarán unha curta disertación sobre a obra de Castelao a partir de citas textuais do libro e compartirán co público asistente as súas propias reflexións.
O encontro celebrarase nas Escolas do Xardín Agra de Caldas o venres 29, ás 18.30 horas, e a participación é libre. Castelao viña elaborando Sempre en Galiza desde 1934, pero o ensaio non viu a luz ata dez anos despois. Ao cumprirse o 80º aniversario da súa edición queremos afondar, desde unha perspectiva actual, no seu estudo, valoración e significado na Galicia actual.
De xeito paralelo, a partir do venres 29 poderá visitarse nese mesmo espazo unha pequena exposición de homenaxe ao Castelao debuxante e humorista gráfico, cunha escolma de viñetas de gran carga social, caracterizadas por un humor corrosivo que segue plenamente vixente.