Inicio Carballo ao día Novas Máis de vinte artesáns e artistas...

DO 5 AO 8 DE DECEMBRO

Máis de vinte artesáns e artistas participarán no Mercado da Ilusión, que abrirá a programación do Nadal en Carballo

A apertura do mercado coincidirá co acendido do alumeado festivo

Martes 26 de novembro do 2024 Promoción Económica

O Concello de Carballo está preparando unha programación de Nadal moi ampla, tanto pola súa duración coma pola cantidade e variedade da oferta de actividades que incluirá. Hoxe presentamos a primeira, o Mercado da Ilusión, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; a axente de desenvolvemento local, Paula Lema, e a produtora do evento, Graciela Castro. Na iniciativa colabora tamén a Deputación da Coruña.

Con ese nome tan suxestivo, desde a Concellaría de Promoción Económica e Turismo propoñemos un auténtico mercado de Nadal, no que contaremos cunha vintena de artesáns e artistas locais e da contorna e cun programa de actividades paralelas que inclúe obradoiros, música e maxia. O obxectivo, como apuntou Xosé Regueira, é transmitir non só a ilusión do Nadal senón tamén a ilusión de mercar no comercio local, convertendo Carballo nun punto de encontro para a veciñanza do noso concello e de toda a área de influencia.

O Mercado da Ilusión celebrarase do 5 ao 8 de decembro nunha gran carpa que estará instalada na Praza do Concello, e que estará aberta ao público os catro días desde as 11.00 ata as 21.00 horas. Nos postos atoparemos a Moura, María Viqueira, Tuuinx, Bo Peixe, Planeta Ecco, Bulebule, Brazolinda, OCD, T3entacion3s, Son Artesana, Artesanía Elena, Casa Curtis, Mindiringuín, Axóuxeres, Las cositas de Grey, Chichalovers, Lorena Barciela, Waves, Cascabullo, Sheila, María Lista e Cristina Blanco, 22 artesás, artistas e produtores que amosarán os seus traballos de cerámica, bixutería, confección, ilustración... e moitos outros.

E tamén haberá moita animación da mañá á noite. O día 5, primeiro do mercado, tamén se acenderá o alumeado de Nadal co tradicional acto aberto a toda a cidadanía na propia Praza do Concello. Como se vén facendo nos últimos anos, haberá chocolatada popular e pecharemos a xornada co concerto de Black Quinteto.

Este é o programa de actividades paralelas:

Día 5

  • 17.00 horas. Taller: Bingo a reciclar, por Ecoembes
  • 18.00 horas. A maxia da costura para cativos, por Lorena Barciela.
  • 18.45 horas. Concerto de Black Quinteto.
Día 6
  • 13.00 horas. Rompecinturas Selektor Dj
  • 17.00 horas. Obradoiro de maxia
  • 18.45 horas. Karaoke con Esteban
Día 7
  • 13.00 horas. Crooked Savage Dj
  • 16.00 horas. Taller de adornos de Nadal, coa asociación Cascabullo
  • 17.00 horas. Visita de Papá Noel: recepción de cartas
  • 18.45 horas. Concerto de Belish
Día 8
  • 13.00 horas. Riquinha Dj
  • 16.00 horas. Adornos de Nadal, con Axóuxeres
  • 17.00 horas. Actuación das cantareiras de Arume de Verdillo
  • 20.00 horas. Peche do mercado

“O obxectivo é que Carballo sexa un lugar de visitar, de mercar, de pasear, de coñecer... e as propostas que pretendemos levar a cabo este ano van encamiñadas nese sentido”, apuntou o alcalde.

Compartir: