A corporación municipal acorda pedir máis efectivos da Garda Civil e dotacións das policías autonómica e nacional
A sesión ordinaria comezou cun minuto de silencio e a aprobación dunha declaración institucional contra a violencia de xénero
Martes 26 de novembro do 2024
A corporación municipal de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns, que comezou cun minuto de silencio na memoria das vítimas da violencia de xénero, unha proposta encamiñada a reforzar a presenza das forzas e corpos de seguridade estatais e autonómico no noso concello.
O acordo foi adoptado a raíz dunha moción presentada polo PSOE na que se instaba ao Ministerio do Interior a poñer en servizo unha comisaría da Policía Nacional “para poder contar cun servizo de atención á cidadanía as 24 horas do día os 365 días do ano no tocante á seguridade cidadá, investigación criminal, vixilancia e protección de persoas e mantemento da orde pública”. Os socialistas aceptaron una emenda do BNG que inclúe tamén a solicitude da ampliación do número de axentes da Garda Civil e da cobertura das vacantes existentes na actualidade, pero tamén se insta á Xunta de Galicia a crear unha unidade da policía autonómica.
A solicitude da comisaría de Policía Nacional e do incremento dos efectivos da Garda Civil foi aprobada por unanimidade, mentres que a petición da dotación de Policía Autonómica saíu adiante coa abstención do PP.
Outros acordos
- Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día internacional contra as violencia machistas. Aprobada por unanimidade.
- Proposta de acordo para aplicar o sistema de vídeo actas no concello de Carballo. Aprobada por unanimidade.
- Actualización da Estratexia de mellora e xestión do espazo público e da mobilidade no concello de Carballo. Aprobada coas abstencións de PP e PSOE.
- Expediente de modificación orzamentaria. Suplemento de crédito 03/2024. Aprobado coas abstencións de PP e PSOE.
- Revisión do canon aplicable no contrato administrativo de “Xestión do servizo público baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira do Concello de Carballo”. Aprobación da modificación n.º 11. Coas abstencións de PP e PSOE.
- Revisión da tarifa aplicable no contrato administrativo mixto “Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo”. Aprobación da modificación n.º 12 coas abstencións de PP e PSOE.
- Modificación número 11 da Relación de Postos de Traballo. Determinación complemento específico do profesorado do Conservatorio profesional de música. Resolución de alegacións e aprobación definitiva. Por unanimidade.
- Contrato dexestión de servizo público baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira do concello de Carballo. Recurso de reposición formulado fronte ao acordo plenario de imposición de penalidades de data 30/09/2024.A desestimación do recurso foi aprobada por unanimidade.