A Cámara de Comercio da Coruña celebrará o 11 de decembro en Carballo unha feira do emprego para maiores de 45 anos
Luns 2 de decembro do 2024
A Cámara de Comercio da Coruña organiza en Carballo o seu III Encontro 45+, unha feira de emprego na que se darán a coñecer diversas posibilidades de inserción de persoas de idades comprendidas entre os 45 e os 65 anos. O evento celebrarase o mércores 11 de decembro, en horario de mañá, no Fórum Carballo. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse premendo aquí.
O Encontro 45+ é unha oportunidade para persoas entre 45 e 65 anos en procura activa de emprego, xa que poderán establecer un contacto directo con empresas que valoran a súa experiencia e desexan incorporar talento maduro aos seus equipos. Ademais, é unha ocasión excelente para ampliar redes de contactos, conectar con outros profesionais e fortalecer a súa presenza no mercado laboral.
Nesta edición contamos cun espazo con amplo aforo para facilitar o encontro con preto de 30 empresas que teñen procesos de selección abertos e necesidades reais de contratación. Entre esas empresas figuran Areté, El Corte Inglés, Carrefour, Eulen, Alumán, Atlante, Horta Coslada, Ocaso, Mercedes Benz Louzao, Samaín, Santa Lucía, Malasa, Gestán ou a carballesa Nauterra.
Os/as participantes terán a oportunidade de realizar entrevistas directas con empresas que buscan talento maduro e experimentado, recibir orientación personalizada na Caseta de Orientación para optimizar o seu perfil profesional e mellorar a súa estratexia de procura, ou participar en talleres deseñados para actualizar as súas habilidades, aprender sobre novas tendencias e mellorar a súa empregabilidade no mercado actual.
O programa de Encontros 45+ está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e forma parte do Programa FSE+ de Emprego e Educación, Formación e Economía Social 2021-2027. Descarga o programa máis abaixo.