Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará o...

A corporación municipal aprobará o xoves 19 o orzamento máis alto da historia de Carballo: 33.901.336,36 euros

O aumento do custe dos servizos condiciona a distribución dos recursos, que se concentran no gasto social, os servizos públicos e a dinamización social

Domingo 8 de decembro do 2024

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron o documento

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron o documento

A corporación municipal debaterá o xoves 19 o orzamento para este ano, que acada os 33.901.336,36 euros e convértese no máis alto da historia do noso concello. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, presentaron as grandes cifras do orzamento, que poderá ser aínda maior se o Goberno do Estado permite aos concellos, como leva facendo desde a pandemia, incorporar ao longo do ano remanente de tesourería para gastos xerais.

O contexto económico no que se desenvolve este orzamento está marcado polo importantísimo incremento do custe dos servizos, o que, como explicou Belén Lendoiro, “vai condicionar a distribución dos recursos”. Só pola iluminación pública o Concello de Carballo pasará de pagar 1,5 millóns de euros neste 2024 a 2,5 millóns no 2025. Pero non só sobe a factura da luz, senón tamén as de Sogama (un 47% máis cara), a da limpeza dos colexios (42%), a canceira (60%) ou a seguridade da Unidade de Condutas Adictivas (181%). “Só os contratos teñen un incremento superior aos 2,2 millóns de euros”, dixo Evencio Ferrero, que cualificou esta situación coma “insólita”. Co custo dos servizos á alza, o capítulo de gasto corrente dispárase ata os 17,4 millóns de euros, é dicir, 2,5 millóns máis que no 2024.

A prioridade é o gasto social, que acadará o vindeiro ano os 3,8 millóns de euros, incluídos 1,9 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Con todo, Belén Lendoiro destacou que as liñas políticas de gasto marcadas polo goberno do BNG mantéñense. A prioridade é o gasto social, que acadará o vindeiro ano os 3,8 millóns de euros, incluídos 1,9 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). E, xunto ao gasto social, o Concello de Carballo aposta pola prestación de servizos públicos de calidade e pola dinamización dos diferentes ámbitos sociais: económico, social, cultural ou deportivo.

Tamén aumentan os gastos de persoal como consecuencia do proceso de estabilización que se levou a cabo ao longo de todo o ano, e que rematará este mes, e pola creación de novas prazas coa finalidade de “mellorar a xestión”, indicou a concelleira de Facenda e Persoal.

En canto aos ingresos, o dato máis destacado é o incremento das a, a chegas do Estado e da Deputación da Coruña. A actualización dos padróns fiscais e a revisión de varias ordenanzas tamén figuran entre os factores que contribúen a aumentar os ingresos.

Belén Lendoiro considera que o orzamento “amosa as fortalezas do Concello, porque somos quen de asumir as subas nos gastos e manter a capacidade investidora”. A este respecto, o alcalde deu conta das principais actuacións que se acometerán cos tres millóns de euros destinados a investimentos, entre eles a reforma do Pazo da Cultura cunha subvención da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Apuntou ademais que esa cifra será moi superior cando remate o ano, e puxo como exemplo que nos orzamentos do 2024 figuraban 4 millóns pero os investimentos reais superarán os 11 ao peche deste ano.

Evencio Ferrero destacou “que os orzamentos se axustan á realidade municipal” e que representan “confianza e a seguridade de que se poden facer cousas”.

Descargas

Compartir: