BNG e PSOE presentarán, a proposta da ANPA, unha moción conxunta sobre as necesidades do CEIP Bergantiños
A proposta será debatida no pleno ordinario do día 19
Mércores 11 de decembro do 2024
Representantes da ANPA reuníronse o luns co alcalde e a concelleira de Educación
As familias do alumnado do CEIP Bergantiños decidiron, na xuntanza celebrada este luns á noite, trasladar as súas demandas ao pleno da corporación a través dunha moción que será debatida na sesión ordinaria do xoves 19. A iniciativa será presentada de xeito conxunto polo BNG e o PSOE.
A iniciativa da ANPA xurdiu a raíz dunha xuntanza celebrada o mesmo luns pola mañá co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, para trasladarlles as carencias de profesorado de apoio no centro, solicitar o apoio do goberno municipal e coñecer de que xeito facer chegar as súas demandas a toda a corporación. Ademais da opción escollida, o alcalde explicoulles a posibilidade de, facendo uso do Regulamento de Participación Cidadá, realizar unha intervención por un máximo de 10 minutos no pleno, unha opción que segue aberta de cara ao futuro.
Evencio Ferrero e Mar Eirís expresaron o apoio do goberno municipal ás xustas reivindicacións da ANPA e puxéronse á súa disposición para adoptar as medidas que estean na man do Concello de Carballo. As representantes das familias agradeceron o apoio e reiteraron os argumentos das súas demandas, que se basean na escaseza de profesorado para atender aos nenos e nenas que máis o precisan pois teñen necesidades educativas especiais. Este curso, segundo explican, hai 20 alumnos e alumnas identificados/as como NEE, 180 NEAE e 50 pendentes de valoración.
Coincidindo coa celebración do pleno, a ANPA ten convocada unha concentración na Praza do Concello para o xoves 19 ás 20.00 horas, antes de asistir á sesión ordinaria. Así mesmo, os pais e nais decidiron, por amplísima maioría, manter as mobilizacións ás portas do colexio. Para este venres hai unha convocatoria de concentración silenciosa ás 9.30 e cacerolada desde as 9.40 horas, e ademais chaman á veciñanza a respaldar a mobilización e a asistir con roupa negra “para simbolizar -explican- o noso loito pola educación pública de calidade”.