Inicio Carballo ao día Hemeroteca Inaugurado o Obradoiro de Emprego ‘Oficios...

EMPREGO

Inaugurado o Obradoiro de Emprego ‘Oficios maiores de 25’

Mércores 27 de decembro do 2006

O obradoiro Oficios>25 terá unha duración de 12 meses e formará a 35 alumnos, 10 na especialidade de albanel, 12 na de pintor e 12 na de carpinteiro. O acto desta mañán serviu tamén para clausurar a Escola Obradoiro e os cursos FIP de chapa, pintura, soldadura e electricidade, coa entrega de diplomas correspondente. O concelleiro de Participación Veciñal, Emprego e Promoción Económica, Manuel Trigo, manifestou na súa intervención "a grande satisafacción para min e o goberno municipal que supón este acto. Todas as especialidades impartidas contan cunha gran demanda laboral e moitos dos aquí presentes estades a piques de asinar o voso primeiro contrato. Quero agradecer o compromiso da Xunta e, en particular, o de Pastor Fuenteseca para este proxecto". O director xeral de Formación e Colocación engadiu que "apostamos pola participación dos concellos en todo o percorrido de actuacións que se produza no mundo do emprego. O Concello de Carballo, neste sentido, é un exemplo de boas maneiras". O director provincial do INEM, José Manuel Pose Mesura, dixo que "estades a elaborar un gran proxecto, como é o da Casa dos Oficios, e vamos a facer entre todos que sexa un centro de referencia en toda a Costa da Morte, que ademáis o necesita. Espero que máis pronto que tarde se chegue a un gran acordo". O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, expersou na súa intervención "as miñas felicitacións á Xunta e ao Concello por estes cursos. A riqueza dos países mídese pola cualificación dos seus cidadáns e formar á xente é unha obriga destes e das administracións". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado de pechar o acto, mostrando a súa "satisfacción ao estar aquí representadas catro administracións, proba do compromiso e colaboración de todos para sacar adiante un proxecto tremendamente ilusionante e ambicioso. É unha oportunidade magnífica de seguir desenvolvendo a Casa dos Oficios".

Compartir: