Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo conta cunha nova ordenanza que regula a...

TELECOMUNICACIÓNS

Carballo conta cunha nova ordenanza que regula a instalación e funcionamento da telefonía móbil

Venres 14 de outubro do 2005

Esta normativa establece que a instalación de equipos e elementos de telecomunicacións ten que estar expresamente autorizada polo Concello. No caso das operadoras de telecomunicacións que queiran instalar estacións base de telefonía (móbil ou fixa con acceso vía radio), antenas de dimensións reducidas de titularidade pública sobre construcións ou elementos integrantes do mobiliario urbano, ou estacións emisoras, repetidoras e reemisoras dos servizos de radiodifusión sonora e televisión, deberase presentar un plan de actuación que deberá ser aprobado polo Concello.

As operadoras deberán presentar o Plan de Implantación e Desenvolvemento, que terá carácter bianual, para lle ofrecer ao Concello a información que lle permita integrar axeitadamente estas instalacións na ordenación medioambiental e territorial e asegurar así o cumprimento das limitacións establecidas na lexislación vixente.

O obxectivo principal desta ordenanza é regulamentar as condicións técnicas e urbanísticas aplicables á localización, instalación e funcionamento dos elementos de equipos de telecomunicación (telefonía, redes de telecomunicación por cabo, radiodifusión sonora e televisión (pública e privada), etc. Ademais, o texto contén as condicións tecnolóxicas, de protección medio ambiental e de seguridade das instalacións e dos cidadáns, así como das redes de canalizacións e o réxime xurídico e sancionador das infraccións das licencias sometidas a esta Ordenanza.

A Ordenanza municipal para a instalación e o funcionamento de instalacións de telefonía móbil e doutros servizos de telecomunicacións e difusión no termo municipal de Carballo foi aprobada definitivamente polo Pleno municipal, na súa sesión do 26 de xullo, e publicada no Boletín Oficial da Provincia o 9 de agosto.

Compartir: