Inicio Carballo ao día Novas A II Feira do Día da Muller e a Nena na...

A II Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia converteu o mercado municipal nun viveiro de vocacións científicas

Currunchos científicos, experimentos, xogos, teatro, robótica e exposicións encheron unha fin de semana para toda a familia

Domingo 9 de febreiro do 2025

Verónica Bolón ofreceu unha charla sobre IA

Verónica Bolón ofreceu unha charla sobre IA

Que Carballo é unha canteira de talento feminino non ten discusión. A exposición “Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo”, que inauguramos este sábado, visibiliza as traxectorias de 21 mulleres que representan o presente da investigación no noso concello, pero tamén se converte no escaparate dese enorme talento feminino que estamos a descubrir día a día e que nos permitiría encher de rostros de mulleres o rueiro carballés.

Desde o Concello de Carballo queremos que toda a cidadanía coñeza ás mulleres que traballan en ámbitos tan diferentes da investigación, pero tamén queremos seguir fomentando as vocacións científicas entre a rapazada, e sobre todo entre as nenas porque as mulleres seguen a ser minoría nas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro, este domingo celebramos a segunda edición dunha feira científica que persegue, precisamente, ese obxectivo.

O sábado realizáronse talleres de construción e condución de vehículos eléctricos

O sábado realizáronse talleres de construción e condución de vehículos eléctricos

A planta alta do mercado municipal converteuse esta fin de semana nun viveiro de vocacións científicas: o sábado, nos talleres de construción e condución de vehículos Infento, nos que participaron corenta nenos e nenas e as súas familias, e o domingo, na II Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, grazas á colaboración desinteresada de Verónica Bolón (UDC), Laura Barral e Armand Hernández (GRICA), María Brandón e María Fernández (UVigo), Xanel Vecino e Rosa Devesa (UVigo), Laura Muinelo, Raquel Hago, Carlota Roca e Miriam Cebey (IDIS), Isabel Regueiro e as súas alumnas Aroa Sequeiro Arnal, Arancha Lorenzo Rodo, Blanca Lamas González, Clara Graña Pérez, Andrea Cancela Villar, Sofía Prieto Villar, Claudia Trigo Suárez, Lara Tato Rodríguez, Noa Calvo Rojo, Noa Mourón Parga, Lucía Suárez Insua, Noa Suárez García, Alejandra Rodríguez Villar e Marta Cernadas Pena (IES Alfredo Brañas), que achegaron a ciencia a todos os públicos dun xeito tan ameno e interesante.

Durante toda a mañá houbo moitísima animación, e os experimentos das investigadoras tiveron tanta demanda que a actuación teatral programada para pechar a xornada empezou máis tarde do previsto. María Canosa e Teatro Ghazafelhos fixeron cantar, rir e mesmo actuar aos nenos e nenas, e tamén aos adultos, con H2...Oh!

Esta II Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia resultou todo un éxito e contribuíu a reforzar a aposta pola divulgación científica entre todos os sectores da poboación que vimos realizando nos últimos anos. E xa vos adiantamos que no 2026 haberá terceira edición.



Galería

Compartir: