Inicio Carballo ao día Novas O Curruncho Pop volve á Biblioteca Rego da...

O Curruncho Pop volve á Biblioteca Rego da Balsa cun formato que vincula e mestura a literatura coa música en directo

Alberto Montero abrirá o ciclo de concertos este sábado 15 de febreiro

Mércores 12 de febreiro do 2025 Lingua

Volve á Biblioteca Rego da Balsa o Curruncho Pop, un ciclo de concertos organizado pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística que acada a súa novena edición consolidado como unha referencia cultural novedosa e orixinal, na cal as propostas musicais, en ocasións en formato inédito, xiran arredor dun referente literario.

Nestes anos teñen pasado polo Curruncho Pop interesantes propostas que mesturan música e literatura, como o proxecto Desnortadas de Rosalía Fdez. Rial e María Santiago e tamén referencias internacionais como Richard Lloyd, guitarrista dos míticos Television ou os portugueses Birds Are Indie, así como outros importantes músicos do panorama estatal e galego como Diego Vasallo, Elena Setién, Víctor Coyote, Hendrik Röver, Emilio José ou o desaparecido Rafael Berrío, e bandas locais como Chicharrón ou Psychofonía.

E este ano abrimos o cartel co valenciano Alberto Montero, que acudirá coa súa banda para presentar o seu novo disco, Ciudad dormida, no único concerto que ofrecerá este ano en Galicia.

OS CONCERTOS

  • Sábado 15 de febreiro 20:00h. Concerto de Alberto Montero. O músico valenciano xa vai polo sétimo disco, Ciudad dormida, no que a natureza e o intimismo son os que mandan. Os seus traballos sempre son moi arranxados, entre a psicodelia e o folk psicodélico, ademais dalgúns arranxos de música clásica. Alberto Montero tamén é un gran cantante, e as súas letras sempre teñen algo que contar. A día de hoxe, quizais do mellor que se pode escoitar no estado.
  • Sábado 15 de marzo 19:30h Presentación do libro ‘The Byrds. Más jóvenes que ayer’ de Fernando López, e concerto de Os Birdiños. O segundo curruncho será unha homenaxe ao grupo americano de mediados dos sesenta e os setenta, creadores dun son propio que máis tarde se coñeceu como jungle pop, caracterizado no seu caso pola guitarra de 12 cordas e o tratamendo das voces. Fixéronse populares facendo revisións pop de parte do cancioneiro folk de Bob Dylan. Falará do grupo Fernando López Chaurri, autor do libro que presentamos.
  • Sábado 26 de abril 19:30h Presentación do libro ‘The Velvet Underground’, de Rafa Cervera, con Pedro Granell e concerto de Os veludos soterrados. A Velvet é unha das bandas esenciais da historia do rock and roll, das primeiras que lle demostraron á mocidade que para tocar só tiña que haber interese por facelo, que o resto viña só. Empezaron a tocar na segunda metade dos sesenta e convertéronse nos protexidos de Andy Warhol, que foi o seu manager. Foi unha banda de culto ata a súa disolución, e posteriormente asistimos ao trunfo en solitario de Lou Reed, o seu cantante e compositor fundamental, e de John Cale, o músico máis experimental da banda e mesmo da súa época. A incorporación dunha viola electrificada foi unha absoluta novidade, e abriu un montón de camiños a seguir experimentando. Pedro Granell, gran fan, será quen de falarnos deles e do libro escrito por Rafa Cervera, que non pode acudir.
  • Sábado 24 de maio 19:30h Presentación do libro ‘Lux and Ivy. Una cita con los Cramps’, de Juanjo Mestre, e concerto de As Cambras. O último curruncho da temporada terá como protagonista a The Cramps, banda de finais dos setenta, que estivo en activo ata o pasamento de Lux Interior, o cantante, no ano 2009. El, xunto con Poision Ivy, a súa dona e guitarrista e compositora principal, foron os membros fundadores e permanentes. The Cramps foron recoñecidos por revisar e volver poñer de moda sons do rock and roll máis primitivo, dos anos 50 e 60, facendo versións de cancións totalmente descoñecidas para a maior parte do público, e compoñendo outras baseadas neses sons. Tamén foron adorados polos seus directos, sempre explosivos, sempre diferentes e sempre moi traballados.

Vídeos

Compartir: