A Mesa Local de Comercio aprobou a programación anual do Centro Comercial Aberto e Axober
Xoves 20 de febreiro do 2025 Promoción Económica

A Mesa Local de Comercio vén de celebrar unha xuntanza para aprobar as iniciativas programadas para este ano polo Centro Comercial Aberto (CCA) e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober).
Por parte desta última, ademais do recente cambio de imaxe, estase a traballar nos seguintes proxectos:
- Construíndo o futuro, que consistirá na visita de alumnado de 4º da ESO a empresas asociadas de diferentes sectores para que coñezan a oferta laboral da súa contorna.
- Charla sobre marketing e comunicación para as empresas asociadas.
- Evento sobre o vehículo eléctrico.
- Evento sobre saúde e empresa.
- Charlas sobre formación e contratación e sobre redes sociais.
- Berocasión, que este ano pretende abrirse tamén a empresas vinculadas ao sector da automoción.
- Axober Work Party
- Premio Empresario/a do ano
O CCA, pola súa banda, presentou tamén un amplo programa que inclúe campañas xa realizadas ou en marcha como a Globoteca, as rebaixas de inverno, a nova imaxe para comercios asociados “Son Carballo, Son CCA” ou Namórate do teu comercio, na que participaron 30 empresas. De cara aos vindeiros meses, estas son as propostas:
- Día do Pai: campaña nas redes sociais.
- Feira das oportunidades: do 7 ao 9 de marzo, coincidindo coa primeira feira do mes. Nesta edición haberá 27 stands interiores (incluída unha zona infantil) e 4 exteriores (3 concesionarios da localidade entre os que figuran Dimolk, Huypersa Motor-Hyundai e Corgal automóviles Kia-Centauto xunto con Alquileres Reneymar, que acudirá á feira cunha exposición de material de 200m2). A zona destinada aos/ás peques da casa consistirá nunha área de xogo e entretemento durante toda a fin de semana, obradoiro de robótica e a I Pequefeira, para que os nenos e nenas poidan facer de comerciantes.
- I Feira temática sobre bio-cultura (abril): novo espazo arredor do consumo responsable e a vida saudable.
- Día da Nai: campaña nas redes sociais
- Que rule, que rule!!!: primeiro sábado de xuño na Praza do Concello.
- Campaña de verán “A bocados”, en colaboración coa hostalaría local.
- MercaEDillo (setembro).
- Volta ao cole, campaña comercial con xincana infantil para que os peques localicen polos comercios pistas para resolver enigma.
- Samaín, co xogo “Truco ou trato” nos comercios asociados.
- Black Friday.
- Campaña de Nadal.
- Actividades formativas para asesorar e formar ao comercio local arredor de cuestións actuais determinantes para a optimización e mellora dos seus negocios
- Actividades de promoción e dinamización en redes sociais.
- Elaboración de merchandising
- Participación campañas institucionais Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Federación Galega de Comercio (Días azuis, bonos activa comercio, bonos activa deporte, Emprende...).
- Colaboracións e patrocinios campañas institucionais de promoción do comercio local e con outras entidades/eventos locais (Axober, Hostalaría, Pint of Science, RexeneraFest, San Xoán, FIOT, entidades sociais, deportivas...).
A Mesa Local de Comercio, que deu o seu visto bo ás propostas, estivo presidida polo alcalde, Evencio Ferrero, e contou coa participación de Ramón Varela Rodríguez, concelleiro de Feiras e Mercados, en representación do BNG; Isabel Cotelo Recarey, do PP; Yolanda Antelo Cameán, do CCA, e Kelly Villar Cancela, de Axober. Actuou como secretario o funcionario Vítor Recarei Añón.