Inicio Carballo ao día Avisos Aberto do 24 de marzo ao 26 de maio o...

Aberto do 24 de marzo ao 26 de maio o período voluntario para o pagamento dos recibos de IVTM, vaos e lixo de vivendas

Luns 17 de marzo do 2025

Por resolución da Alcaldía nº 751/2025, do 12 de marzo, téñense aprobado os Padróns Fiscais correspondentes aos seguintes tributos:

  • Taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos sólidos, na súa modalidade de vivenda. Importe total do padrón: 1.653.208,30 € (18.558 recibos).
  • Taxa pola reserva de estacionamentos en vía pública para parada de buses, carga e descarga e vaos permanentes. Importe total do padrón: 111.003,96 € (942 recibos).
  • Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica. Importe total do padrón: 1.595.458,85 € (26.804 recibos).

O total dos dereitos postos ao cobro ascende a 3.359.671,11 €, emitidos en 46.304 recibos, dos cales 1.479.578,20 € (o 41,64 % do importe total ao cobro) se corresponden con 19.281 recibos domiciliados polos seus titulares, e 1.880.092,91 € (o 58,36 % do importe total ao cobro) se corresponden cos 27.023 recibos non domiciliados.

Este ano, a taxa de lixo, na súa modalidade vivenda, incorpora o incremento acordado no pasado exercicio polo pleno da corporación, para se adaptar á norma establecida na Lei estatal de residuos 7/2022, que obriga a todos os municipios a cubrir, a partires do exercicio 2025, o 100 % dos custes do servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo a través das cotas dos veciños usuarios do servizo. As novas tarifas son de 96,10 €/ano para as vivendas sitas en zonas de recollida ordinaria, e de 76,88 €/ano para as sitas en zonas de recollida de menor frecuencia, situándose en contías moi por debaixo dos municipios que teñen aprobado xa a súa adaptación á normativa estatal.

Prazo de pagamento

O período voluntario de cobranza dos ditos recibos abranguerá desde o día 24 de marzo do 2025 até o día 26 de maio do 2025, ambos os dous incluídos.

Lugar e formas de pagamento

Durante este período, os contribuíntes poderán realizar o pagamento das débedas:

  • Nas oficinas bancarias e nos caixeiros das entidades ABANCA, CAIXABANK, BANCO SANTANDER e BBVA, utilizando o documento que remitirá o Concello por vía postal aos domicilios fiscais declarados polos contribuíntes.
  • A través da banca móbil/electrónica de ditas entidades, co código de barras e a referencia que constan no documento de pagamento que remitirá o Concello por vía postal aos domicilios fiscais declarados polos contribuíntes.
  • Na pasarela de pagos da web www.carballo.gal, dentro do apartado Centro de Atención Cidadá, apartado “Sede Electrónica”, apartado “Outros servizos”, logo “Pago de tributos on-line”, onde poderá realizar o pagamento co código de barras incluído no recibo mediante tarxeta bancaria.

Desde finais do exercicio 2023, os recibos xa non poden ser aboados na Recadación Municipal, polo cal se ten estendido o servizo de caixa en entidades bancarias colaboradoras a todas as entidades de maior implantación a nivel autonómico.

Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do día 9 de abril do 2025. Os contribuíntes poderán cursar orde de domiciliación dos recibos que non teñan aínda domiciliados antes do día 7 de abril do 2025, presentado a orde correspondente na Recadación Municipal.

Remisión da información e obtención de cartas de pagamento

Os recibos non domiciliados serán remitidos aos domicilios fiscais declarados perante este Concello para o seu pagamento.

A tal efecto, o Concello remitirá por correo postal 15.152 cartas cos recibos de pago ao domicilio fiscal declarado por cada suxeito pasivo. O documento é necesario para se poder dirixir a realizar o pagamento ás oficinas bancarias ou a través de medios electrónicos.

Os interesados que non o teñan recibido poderán dirixirse á Recadación Municipal para obter o documento de pagamento, ou ben para solicitar a división das cartas de pagamento agrupado, no seu caso, nas oficinas sitas no mercado municipal, planta soto, anexas á entrada ao Mercado desde a Praza do Concello, no horario de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres (teléfono 881985430, correo electrónico recadacion@carballo.gal).

Os contribuíntes recibirán, así mesmo, unha carta informativa no seu domicilio fiscal na que se lles relacionan os recibos dos que se teña emitido orde de domiciliación, a cargar nas contas correntes no seu día facilitadas a partires do día 9 de abril do 2025, para o que se remitirán 10.871 cartas por correo postal aos domicilios fiscais dos suxeitos pasivos.

Compartir: