Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo pon en valor o traballo...

“CARBALLO SOLIDARIO”, O 30 DE MARZO

O Concello de Carballo pon en valor o traballo das entidades sociais no primeiro “Feirón en rede”

13 colectivos participarán o domingo 30 de marzo nunha feira aberta a toda a cidadanía na que haberá obradoiros, música, ludoteca e moita información

Xoves 20 de marzo do 2025 Mercado Municipal

O Concello de Carballo pretende converter os nosos feiróns tradicionais no escaparate de produtos, sectores e actividades que compren un papel fundamental pero que non sempre acadan a repercusión e a visibilidade que merecen. Nacen os Feiróns en rede, unha proposta da Concellaría de Feiras e Mercados encamiñada a poñer en valor a unión, a coordinación e a colaboración como eixos imprescindibles para o progreso social. As entidades que traballan no ámbito social no noso concello representan todo iso e moito máis, e por iso, no feirón do domingo 30 de marzo van ser as protagonistas de Carballo solidario, o primeiro dunha serie de Feiróns en rede que se desenvolverán ao longo do ano.

Hoxe presentamos ese Carballo solidario no lugar que mellor representa a todos os carballeses e carballesas: o salón de plenos da casa do concello. A carón da bandeira do noso concello estiveron o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela; a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures; o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes das 12 entidades que participarán no feirón do día 30: AECC, Afaber, Alcer, APEM, Aspaber, Cáritas-Arroupa, Cruz Vermella, Érguete, Humana, Íntegro, Un paso máis e Vieiro.

Xunto a elas estarán en cadanseu posto o alumnado do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se celebra no Fórum Carballo, subvencionado pola Xunta de Galicia, e o departamento de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, cuxa titular cualificou o traballo das entidades como un motivo de orgullo para o goberno municipal e para toda a veciñanza. E por iso, insistiron tanto Maica Ures coma Ramón Varela, é importante darlle a visibilidade que merece.

“Estamos no mundo sabendo que non é o mellor dos mundos posibles pero que desde a nosa aldea podemos axudar a melloralo grazas ao traballo exemplar de entidades como as que participarán nesta feira”, rematou o alcalde.

Programa

Para acadar os obxectivos marcados, o día 30 celebraremos un evento que convivirá coa feira tradicional e que se converterá na gran festa da solidariedade. A partir das 10.30 horas estarán abertos ao público un total de 14 postos que se situarán na Praza do Concello, no corredor paralelo á rúa Colón. As entidades participantes ofrecerán información, algunhas venderán distintos produtos e tamén realizarán os seguintes obradoiros.

  • Taller de redes, organizado pola Fundación Érguete coa colaboración das redeiras de Corme.
  • Taller de reciclaxe de plástico, a cargo da asociación Íntegro.
  • Taller de macramé, ofrecido pola xunta local da Asociación Española contra o Cancro. Taller Fóra de foco, unha proposta de Vieiro para comprobar os efectos do consumo de alcohol e drogas.
  • Taller de produtos comerciais con contido social, a cargo de Aspaber.

Próximas aos postos situaranse dúas carpas: unha máis pequena, que se utilizará como punto de encontro entre as entidades e as persoas que desexen recibir información dun xeito privado e confidencial, e outra máis grande que se converterá nunha ludoteca infantil con xogos e talleres específicos para peques. Tamén nos visitará a cafetaría sobre rodas de Cafés Lúa.

E, como non podía ser doutro xeito, na festa da solidariedade haberá música. A partir das 12.00 horas visitaranos Brassica Rapa, unha brass band que lle dá unha volta ao concepto de música de rúa. Está formada integramente por mulleres, que tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada.

Compartir: